Mar Caldas preséntase como unha das artistas máis imaxinativas e activas da arte que se desenvolve en Galicia desde a década dos noventa.
Na actualidade, o seu labor esténdese á docencia e ao comisariado, levando a cabo ou participando en interesantes proxectos que denotan o seu remarcado compromiso e tamén atendendo ás problemáticas da muller [1]. Se ben a súa traxectoria, inicialmente vinculada á acción máis relacionada coas artistas dos sesenta e setenta, aproximouse posteriormente á imaxe mediante a fotografía e o audiovisual. Unha autora que pertence e renuncia, unha e outra vez, aos circuítos habituais da arte contemporánea para poder arriscar, experimentar e interactuar cos diferentes ámbitos creativos; unha traxectoria onde sobresae a súa investigación teórica, exportada en diversas colaboracións [2].
A súa linguaxe artística é multidisciplinar, así percorreu desde a performance un longo camiño con diferentes escalas na fotografía, no vídeo ou no obxecto. Unha relación constante coa acción de diálogo que comprende na súa relación contextual. Sempre na procura do proxecto que avalíe realidades inquietantes, apostas comprometidas. As súas obras mostran unha clara vontade narrativa, servíndose da súa bagaxe cultural e artística para rescatar conceptos e recursos. Así, o cinema, o audiovisual e a literatura ofrécenlles á ficción e á performance a capacidade de contacto coa realidade, de expandir e vincular, como atopamos nas súas mostras realizadas no Centro Caja Madrid ou no MACUF [3].
Quedan sempre como nexos na súa produción, nesa constante adecuación de soportes e linguaxes relacionados coa realidade fílmica, a idea de secuencia, de accións discorrida no movemento, na relación performática, como propia dun tráveling, que contemplamos nas súas obras Sombra ou Fiera enjaulada, ou na recente Baño público realizada no parque de Bonaval dentro do ciclo Arte no Parque.
Cada unha das súas propostas reflicten inquedanzas e desexos, poesía e realidade, nunhas pezas que máis que resultados son actitudes, xeitos de traballar a través de diferentes dimensións que se corresponden con puntos de inflexión, unha sorte de viaxe polo concepto e polo pensamento, pero tamén polo sentimento: o medo, a dor, a vida [4]. Mar Caldas sempre apela ao público, á súa complicidade, necesítao para a reconstrución, a representación. A realidade serve de inspiración, a obra é medio, e o espectador completa o proceso dándolle sentido a cada obra. Unha temporalidade e proceso que sempre se murmura como constante no seu discurso dirixido e plural, pensado para ser incisivo, relacionado, onde precisamente existe a propia vida, o valor do cotián, desde a propia roupa, o pelo, os ollos, a escrita, o camiñar [5].
Xosé Manuel Lens e Chus Martínez Domínguez
[1] Cómpre resaltar o comisariado da mostra Boas Pezas, realizada en 2006 na Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e na que se reunía a obra de Rita Rodríguez, Mónica Cabo, o colectivo Las Pingüinas (Sara García, Natalia Umpiérrez), Natalia Rey e Andrea Costas.
[2] Mar Caldas colabora habitualmente como articulista no xornal Faro de Vigo, sobre temáticas actuais relacionadas coa arte contemporánea e diversas exposicións.
[3] Mar Caldas expón de forma individual no Espacio para a arte Caja Madrid, Pontevedra, no 2000 coa proposta Momentáneas, mentres no MACUF presentou no 2002 unha mostra integrada por dúas videoinstalacións: Péndulo (2001-2002) e Lusco e Fusco (2001-2002).
[4] Martínez Domínguez, Chus: Arte no Parque: ciclo de performance no CGAC, en Chámalle X, Santiago de Compostela: Centro Galego de Arte Contemporânea, 2007.
[5] O lector pode seguir un estricto percorrido pola súa obra no catálogo publicado con motivo da Bolsa de Creación artística no estranxeiro Unión Fenosa (2000), onde se detallan as diversas producións desde mediados dos anos noventa cunha ampla profusión de textos da autora que analizan cada unha das súas obras.