Notice (8): Undefined variable: obras [APP/controllers/web_controller.php, line 6569]
Warning (2): array_rand() expects parameter 1 to be array, null given [APP/controllers/web_controller.php, line 6569]
Persoas » Marco, María

Atalaia

María Marco
 María Marco

Itinerario: Metaobxectual

A arte non subministra xa, ás nosas necesidades habituais, a satisfacción que outros pobos teñen buscado e atopado. As nosas necesidades e intereses desprazáronse da esfera da representación e, para satisfacelas, temos que recurrir á reflexión, aos pensamentos, ás abstracións e ás representacións abstractas e xerais. A arte mesma, tal e como é nos nosos días, está destinada a ser un obxecto de pensamentos. (G. W. F. Hegel)

Á arte xa non lle importa servir ao estado e á relixión, xa non desexa ilustrar a historia dos hábitos, non quere ter nada máis que ver co obxecto como tal, e cre que pode existir en e para si mesma, sen cousas. (Kasimir Malevitch)

No 1958, Yves Klein presenta en París a exposición The Specialization of Sensibility in Raw Material State into Stabilized Pictorial Sensibility (tamén coñecida como A Vida), aberta ao público na Galerie Iris Clert,  do 28 de abril ao 15 de maio. Nela presentaba un espazo pintado de branco completamente baleiro. Desde entón, unha das tendencias máis desconcertantes da arte contemporánea é a que supuxo o progresivo afastamento da obxectualidade. A arte, nun intento de reformularse fóra da ditadura do marco e da peaña, buscóuse a si mesma na linguaxe, no pensamento, na vida…, trasladando as súas inquedanzas dos procesos formais cara os criterios cognitivos. Este vieiro, articulado por vez primeira por Lucy R. Lippard no seu libro Seis años: la desmaterializacion del objeto artistico, de 1966 a 1972, continuou actualizándose ata o punto no que se podería afirmar que a desobxectualización é un dos sinais de identidade da arte contemporánea.

A misión poiética do artista non se sinte ameazada por unha serie de prácticas que inciden noutro tipo de resortes, que se apoian noutros procesos que van máis alá da realización dun fermoso cadro, escultura ou fotografía. A desobxectualización incide directamente nos procesos de pensamento e é consecuencia dun zeitgeist concreto, onde a crise do capitalismo, as novas descubertas científicas e a crise do concepto do real permeabilizaron a práctica artística obrigando aos artistas a investigar outros terrenos, incidindo nos criterios de utilidade e relegando a representación ao estatus decorativo.

Evidentemente, este proceso activa unha serie de paradoxos respecto á recepción, exhibición e mercantilización do obxecto artístico que implican un replantexamento das estruturas do sistema. É por iso que esta proposta –este Itinerario como un paseo virtual a través dos fondos desobxectualizados de Atalaia-, xorde dun xeito natural trasladando o desmaterializado ao virtual, achegando aspectos da mesma natureza e situando aos artistas galegos como produtores sensibles a estas inquedanzas xeracionais.

¿É posible facer arte sen obxectos?

Durante moito tempo a práctica artística traballou ao redor da creación e produción de obxectos, convertindo en fetiche as súas formas, prezos e soportes. Pero diversos artistas, ben por motivos políticos, económicos ou espirituais, intentaron disolver eses límites, ir máis alá da execución técnica-formal. Hoxe en día asumíuse esta estratexia como práctica da creación artística e as materias primas, os soportes, as pezas, as obras no sentido estricto, expandíronse vestindo formas máis próximas á cotidianidade.

Metaobxectual propón un Itinerario por artistas e obras que se relacionen doutro xeito cos obxectos: botalos pola ventá, disparalos, situalos como escusa, deslabazalos e recompoñer os seus fragmentos, atopalos nun bosque amazónico, disolvelos... Metaobxectual busca unha linguaxe común de relación co entorno físico que vai máis alá da representación clásica tridimensional, deconstruíndoa, negándoa ou reducíndoa aos seus mínimos.

María Marco

(En colaboración co Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela).