Movementos, corpos e contornos
Unha frase que axudaría a delimitar as miñas procuras –persoais e profesionais– sería “a poética do espazo”. Agora non penso en Gaston Bachelard, aínda que o pensei. Falo dun espazo entendido como lugar, topos; sendo –sala, terreo, corpo, páxina, linguaxe– en branco, aberto, de inicio, en experiencia. Un espazo hábitat onde pensamento, vida e obra conviven. Unha poética de un facer do cotiá. Procurando e aprendendo formas e modos de facer, de presentar o meu contexto máis próximo. De construír desde a miña realidade como persoa, amiga, compañeira, filla, irmá, muller. Á que son agora téñenlle acompañado movementos errados e certeiros desde a literatura, o campo e a cidade, o sonoro, a imaxe-tempo, a instalación, o pensamento –filosófico ou non–, o obxecto poético. Máis cerca ou máis lonxe da instalación e a intervención escultórica (espacial) proxectando e presentando paisaxes, xardíns, hortas, utopías e atopías que da realidade tratan de ubicarse nun imaxinario persoal con reminiscencias colectivas.
A palabra, escrita ou falada, anímase nunha querencia ao dicir, ao procurar o concepto propio que trace os meus movementos.
Debuxando un mapa, situando relacións, dando lugar, sitio, posición, a cousas e a seres. Esta relación perfílase como un punto de fuga e revisión do obxecto cotiá que se presenta como transposición da realidade, do que subxace un topos autopoético: o obxecto como concreción da utopía do self.
Máis alá da preocupación pola actitude ou pola obra, a intuición domeña a idea mesma da vida –día a día. A relación entre uns e outros nun espazo determinado. O movemento inicial polo que se perpetúa, reproduce ou reinventa a comunicación duns e doutros. As regras da convivencia [do meu lugar como muller] falan da relación coa miña familia e amigos. Os obxectos sinalan o territorio, a cidade, a casa, o propio corpo, e me informan de onde estou, onde vou, do que me está permitido e daquilo que me está prohibido facer. A postura apegase así ao que advén no presente. Esta actitude, que se caracteriza pola procura dunha existencia xusta en relación ás circunstancias, inventa e traballa con modos de pensamento e formas de vida nas que atopo novas referencias ao mundo. É preciso tomar e resistir o presente, pero tamén dar forma ao vivido, construír a cotidianeidade como se amasa masa nai. Trataríase dunha posición de equilibrista, inventando posibles correspondencias entre o fuxitivo e o duradeiro. O exterior e o interior, o aí e o aquí, o outro e o mesmo, conxúganse a través das olladas e das experiencias propias para negociar cunha mesma e coa outra: A estranxeira de si.
Estes pensamentos e intencións perfílanse nestas liñas de investigación: 1. O corpo, o obxecto, a palabra. Variacións semánticas; 2. Heterotopías. Un límite non é unha liña: o eido entre o medio rural e urbano. Hábitats e modos; 3. Modos de facer arte e educación. Metodoloxías interdisciplinares para unha educación do cotiá.
Holga Méndez