Levo producindo unha obra que se move dende os desenvolvementos máis contemporáneos da pintura, ata a fotografía ou o vídeo. Sen imposturas, recoñezo as diferenzas entre estes medios e emprégoos dende as súas propias características para fins diferentes, se ben hai temas comúns que actúan de ponte e dende os que se poderían establecer analoxías. Por exemplo, unha preocupación pola cuestión espazo-temporal tanto no proceso de creación coma no de recepción da obra; e tamén, por como entre estes dous polos se desenvolve a visualización dun proceso, ben sexa o movemento solar dun claroscuro ou o fluír da pintura a través dun xesto. Tanto coa cámara coma coa espátula, a imaxe emerxe por “revelación”.
Así, a pintura é o medio para imaxes abstractas que asumen a súa orixe ontolóxica entre o devir do propio acto pictórico (o corporal), as formulacións conceptuais arredor de compoñentes lingüísticos como luz, cor, textura, soporte, etc.; e a interrelación co que é externo ao cadro: o espazo e a arquitectura.
Na fotografía e o vídeo, desenvolvo un territorio híbrido entre o estático e o temporal onde exploro as “variacións de conciencia” na observación da realidade. Búscase o retardo dos estados que detén o tempo simultáneamente ao seu rexistro. Un paso máis alá, cara ao narrativo, van as obras que revisitan a película de Wim Wenders, Der Himmel über Berlin (Ceo sobre Berlín); tanto na readaptación do poema Lied Vom Kindsein (Canción de infancia), coma na resituación dalgún dos diálogos entre anxos, ambos os dous escritos por Peter Handke para esta película.
Álvaro Negro (2010)
Links de referencia:
Curators' Network:
http://www.curators-network.eu/database/db_item/id/alvaro_negro