Atalaia

Isaac Pérez Vicente
 Isaac Pérez Vicente
O Rosal -Pontevedra- (1955)
Vive e traballa en: Vigo e O Rosal -Pontevedra-

Isaac Pérez Vicente: Ordem e Progresso

Agora as décadas duran días, ás veces e como muito duran apenas meses. Pero houbo unha década constituída por anos (dez) na que Isaac Pérez Vicente determinou ou puxo en claro que a arte galega era quen de propor estéticas novas na máxima altura. Altura de cultura. 1980 metros de altura no design ben traído á arte (¿saben da sorpresa que supuxo aquel Isaac que pintaba con letras de imprenta?). 1990 metros de referencias cultas cargadas con pólvora sentimental. 2000 metros de cinta métrica para medir unha sombra: UMBRA.

De primeiras, recén chegado a Vigo desde O Rosal, pensou na “tarea insensata de echar abajo el Everest”. Cando era o tempo de Joy Division, él estaba no raro drum-drum da maior extrañeza musical. A propósito, nunca acabou de comprender cómo a humanidade “por completo” tardaba en sentir algo que para él era como a leituga nas ensaladas: “Se somos quen somos, por que non somos quen somos?”, dicía Isaac Pérez Vicente.

Tanto lle tivo, Isaac seguíu.

Con Ordem e Progresso.

Ordem: que resulta da militancia convicta (liñaxe Joseph Albers, máis tarde Marcel Duchamp) para todo canto ten relación coa súa amorosa e numérica visión das cousas: débese reparar na énfase que o artista pon de continuo na métrica das súas obras. Propón diálogos medidos. Pensa na superioridade comunicativa daquelo que sendo en apariencia misterioso se desenvolve pauta a pauta á vista de toda a xente. E declara estéticamente que todo canto él pinta procede da Enciclopedia Humana. É por iso que sabe pintar unha A no trance de ser pintada. Ordem.

Progresso: Para nós, todos os espectadores que saímos dunha exposición súa con radical sentimento. Entre 1980 e 2010 a obra de Pérez Vicente pasou, digo falando entre público da arte galega, de ser unha referencia ineludible para un tempo determinado (acabado) a ser puro formigón se pensamos en termos de longo percorrido. Hoxe estamos a 2010. Ollen as reproduccións deste lugar cibernético, e pasen un rato comprobando cómo Isaac Pérez Vicente (así se dirá nas universidades no XXII) meteu unha música rarísima entre papeis feitos a man, tintas de cores en máxima precisión. Non acabamos de saber como o fai, pero lembren: cultura + tempo + noites de pensar desacougado + ollo de lince + dicir sempre que non + aínda que non o pareza propoño o voso lado = Toda unha longa serie de obras que perduran.

Alberte González-Alegre