Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
O traballo de Montse Rego (Lugo, 1969) subliña a mirada posibilista de quen se dedica a ensamblar o mundo coas súas propias mans, esquivando as etiquetas e resistindo nun lugar irrepetible, trazado co patrón que marca o intelecto e a espontaneidade do humor e da ironía, do lúdico. Autora de pezas de meticulosa manufactura e creatividade exacerbada que alcanzan expresión propia ao beber do cotián, do utilitario e a reciclaxe, convertendo en referentes as citas emocionais e temporais do seu propio universo vital.
Formada en artes visuais e deseño nas escolas de Artes e Oficios Ramón Falcón de Lugo e Mestre Mateo de Santiago de Compostela, Montse Rego acariña ambas facetas creativas utilizando diferentes linguaxes: escultura, acción, vídeo e fotografía xunto á elaboración de xoias e complementos de moda, deixando claro o seu interese pola materia e polo obxecto pero sen descoidar o concepto, para logo accionar a subxectividade e xogar subvertendo significados e iconas. Á diferenza doutros e doutras artistas que traballan co deseño, Rego imprime un enfoque crítico e comprometido co que lle rodea, tamén tomando parte a súa autorreferencialidade, a súa condición de artista e muller. Unha posición que a leva a reflectir audazmente a súa particular visión do mundo, que poderiamos definir como optimista e libre de prexuízos, a través de deseños inxenuos e viscerais, expresivamente sinxelos e directos.
Calquera material é o preferido da artista segundo a ocasión, empregándoos dun modo fondamente escultórico no caso das butacas de pompóns ou nos colares e bolsos de teas de colores que retorce e anoa obsesivamente. Outras veces intervindo cos elementos no espazo, é o caso do CGAC no que separou o vestíbulo respecto do interior do museo cunha cortina de pompóns en El espejo de Alicia (1999), situando unha incubadora de ovos no Coro da Igrexa da Universidade en Porque estás aquí (2002) ou lavando e pendurando sabas nun lavadoiro público no proxecto El espacio entre nosotros (2006). Nestes, como en cada un dos seus proxectos, a artista procura finais abertos coa intención de provocar sensacións e reaccións no espectador, arengado a participar activamente no xogo, nada inxenuo, que formula a artista, e que comeza nos propios títulos das obras: píldoras de argumentos que condensan proposicións e obxectivos.
Nos últimos anos, a valentía dos seus proxectos cada vez máis vinculados á produción de obxectos capaces de conectar emocional e fisicamente co público, marcan novas dobras no labor de Montse Rego, que logrou significarse no contexto da arte galega como unha voz singular, imprescindible pola súa liberdade, resistencia e subversión á hora de pensar arte.
Chus Martínez Domínguez