Atalaia

Rubén Ramos Balsa
 Rubén Ramos Balsa
Santiago de Compostela (1978)
Vive e traballa en: Santiago de Compostela

Chiste:

Van dous fotóns paseando polo porto e vai o do medio e cáese!

O que me interesa como artista plástico é:

- coñecer os porqués da asimetría da frecha do tempo cando a demostración de Bolztman é simétrica (no tempo) ao necesitar partir dun estado máis baixo de entropía para a súa demostración.

- como podemos saber en que medida o estatístico mostra unha realidade probable pero coarta unha realidade posible. Tamén, como se podería demostrar se os números son ou non equiprobables.

- de que maneira as leis da termodinámica condicionaron a construción dunha semiótica nun esquema lineal de comunicación -emisor-receptor / canle-mensaxe-(ruído)- ou que significa que os avances da neurociencia na procura da relación entre función e estrutura (motivo altamente escultórico por certo) e a sociedade da información no seu conxunto, estean a mostrar unha evolución cara un sistema de bidireccionalidade simultánea onde emisor e receptor parecen ser máis ben un estado cuántico e a información ubicua en lugar de unívoca.

- como pode ser que o exceso de control sexa o axente que defina-afine (no sentido minimalista da perfección como algo que non se pode mellorar por subtracción ou redución) o erro, e que este, á súa vez, colapse o sistema por ser o elemento que contén unha información maior. Neste caso e en calquera caso, pregúntome cal é a relación íntima entre información e enerxía.

- como se explica nos fenómenos emerxentes a relación que dá ao Todo unha calidade maior non deducible da suma das partes (isto lémbrame á función de estructuración invisible do canon na arquitectura grega, que permitía o paradoxo arqueolóxico de que cun fragmento podíase chegar a reconstruír todo o templo). Máis interesante se cabe, sería o como se coordinan esas partes na constante ruptura da simetría da materia sensible. Resumido: en que se parece un reloxo a un organismo vivo (Kant), ou en que se diferencian.

- cando se estuda a materia, que significado ten a forma como duración no espazo e que significado ten como extensión no tempo. Un exemplo sería: saber con que plasticidade se mergúlla a un corpo dentro do seu tren de ondas ou, dito doutra maneira,  que comprimen ou expanden os sentidos do observador para xestionar o efecto doppler dun momento a outro momento dado.

- se, por unha banda, a realidade xa está formada por máis imaxes que obxectos, por máis obxectos e instrumentos que corpos da contorna natural dada; e doutra banda, se consideramos os instrumentos de visibilidade como extensión dos nosos sentidos e á cultura como unha ampliación de fondo resultado (resposta) de ambos; quen satisfai a quen?, quen constrúe a quen nun espazo autorreferencial?  Por que se nos pecha a realidade nesta reverberación de espazo especular (postmodernidade) que non opera xa sobre a frecha do tempo no sentido das vangardas, aniquilando o tempo anterior para evolucionar ao seguinte, senón que cambia a realidade cambiando o instrumento, ampliando a cápsula tecnolóxica e o seu potencial de penetración? Tense teorizado moito sobre como a tecnoloxía asumiu o concepto do transcendente e como o seu corpus sígnico cambia pautas internas para construír tempo (ou tempos) baixo a paradigma do NOVO como suplantación do eterno. Pero máis aló de todo razoamento, interésame a hipótese, por salvaxe que sexa, de se o noso patrón cultural pode ser unha manifestación do noso patrón xenético e se este se retroaliménta holográficamente ou non.

- as preguntas que a ciencia debe facerlle á arte para axudarlle a integrar ao observador no experimento.

 

Rubén Ramos Balsa, 2010