Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Licenciado en Matemáticas e doutor en Belas Artes. Profesor de Fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e responsábel do Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo. Xunto a Xosé Luis Suárez Canal dirixe o Centro de Estudos Fotográficos, CEF ( http://www.cefvigo.com ), e ambos son comisarios dun gran número de exposicións e editores das coleccións de libros Álbum e Do Trinque, publicadas a través do CEF.
Realiza exposicións individuais dende o ano 1983. En Vigo (Museo do Mar, Galería Ad Hoc, Fundación Barrié), A Coruña (Kiosco Alfonso, Fundación Barrié, Aquarium), Santiago (Pazo de Fonseca, Museo do Pobo Galego, Casa da Parra, A Chocolatería, Galería C5, Galería Factoría Compostela), Braga (Encontros Internacionais da Imagen e Museo da Imagem), Coímbra (Centro de Estudos da Fotografia), Porto (Espaço Silo, organizada polo Centro Português de Fotografia), Newcastle (Side Gallery), Caracas (Museo de Arte Contemporáneo Sofía Imber), México D.F. (Museo Ciudad de México), Salvador de Bahia (Conjunto Cultural da Caixa), entre outras.
A súa obra foi incluída en exposicións como Cuatro direcciones de la fotografiía contemporánea española (Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, itinerante por Europa, 1991-1993), Open Spain (Museum of Contemporary Photography, Chicago, itinerante por Europa e USA, 1992), Quest for the Moon (Museum of Fine Arts, Houston, 1994), Global Detail (Noorderlicht, Groningen, Holanda, 2003), Dende o Atlántico (Centre de la Photographie, Xenebra, Suíza), Ausencias e memoria (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 2004), O futuro contemporáneo e Mapas, cosmogonías e puntos de referencia (CGAC, Santiago de Compostela, 2006 e 2007 respectivamente), e estivo presente en feiras de arte como Liste Köln (Colonia, 2007), Berliner Liste (Berlín, 2007), Bridge Art Fair (Nova York, 2008), Sh Contemporary (Shanghai, 2009) ou varias edicións de ARCO (Madrid).
É autor dos libros Paisaxes (1991), Tempos que hai neste tempo (1995), Cuspindo a Barlovento (2003), Casas doentes (2006) e Derradeira sesión (2009).
A súa obra está presente, entre outras, nas coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, MNCARS (Madrid), Encontros da Imagen (Braga, Portugal), Museo Marugame Hirai (Xapón), Colección Fotográfica Comunidad de Madrid, e Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC (Santiago de Compostela).
En 1998 publica na Editorial Xerais a súa tese de doutoramento, Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia, 1950-65. Con X. L. Suárez Canal é autor de numerosas monografías de fotógrafos históricos galegos (José Suárez, Ramón Caamaño, Arquivo Pacheco, Luis Rueda, Ksado, Arquivo Sarabia, Raniero Fernández, Virxilio Vieitez, Arquivo José María Massó, Ramón Caamaño. Retratos da Costa da Morte), todas elas na colección Álbum, do CEF. Foron tamén comisarios das exposicións A emigración de Manuel Ferrol e Pano de fondo, cos seus respectivos catálogos. Xuntos, Sendón e Suárez Canal, dirixiron tamén a Fotobienal de Vigo (1984-2000), o proxecto Vigovisións (1986-2000), e a programación da viguesa Sala dos Peiraos (1985-1991). Máis recentemente, comisariaron tamén a mostra colectiva de fotógrafos latinoamericanos Madrid Mirada, no Círculo de Bellas Artes (2008), itinerante despois por espazos expositivos de Latinoamérica.
Dirixe individualmente Inédito: http://ineditoant.wordpress.com/
Manuel Sendón (novembro 2011)
Outros links:
Centro de Estudos Fotográficos, CEF (Vigo): http://www.cefvigo.com
Fotobienal Vigo: http://www.cefvigo.com/galego/expos_bienais_01.htm
Vigovisións: http://www.cefvigo.com/galego/vv_principal.htm