Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Damián Ucieda e a construción das imaxes
Mulleres que esperan, homes que corren, homes que berran..., en lugares anódinos, dentro ou ao pé de vehículos, en rúas ou estancias deshabitadas. Escenarios cotiáns e personaxes anónimos, paraxes solitarias ou interiores case baleiros onde, aínda así, xérase a expectación dun relato a falta dunha secuencia previa ou dalgún dato explícito. Alleos ou enaxenados, á espera dalgún desenlace, ensimesmados, collidos non no instante detido, senón detidos nun instante construído pola vontade do autor. Extraídos da súa continuidade particular e transportados a un momento universal, no que calquera espectador podería sentirse identificado e recoñecerse, coma cando proxectamos unha mirada exterior a nós mesmos e vémonos formando parte da escena dun soño, dunha ficción. Fotogramas dunha película que podería dirixir Damián Ucieda (A Coruña, 1980), pero o autor prefire deter o tempo, imaxinar, pensar, compoñer a escena e producir as súas fotografías como se se tratara dun artesán moderno, dun herdeiro actual dos tableaux vivants (pinturas vivintes) do século XIX, aqueles experimentos, entre teatrais e pictóricos, que conxugaban o lecer coa sofisticación artística e conviviron cos alicerces da fotografía, recén inventada daquela, coma unha nova linguaxe da representación.
Nas imaxes de Ucieda priman o tratamento de luz e cor, os estudos de encadres e composicións propios dunha metodoloxía de plató -mesmo nas escenas de exteriores-, os remates e os respectables tamaños finais das dúas obras enmarcadas, e outros aspectos que fan sentir próximas as prácticas do cine, publicidade, moda ou edición gráfica, todo isto ao servizo dunhas imaxes que conteñen alentos de vidas individualizadas, intermitencias de soedades recoñecibles nos nosos ritmos de século vinteún, asépticas mais non herméticas, ofrecendo ao espectador a opción de adentrarse a pousar unha man sobre un ombro, coma os anxos dos filmes de Wim Wenders. Estas contemporaneidades fotográficas non exclúen, sen embargo, o recoñecemento á tradición da pintura, do tableau, a un exercicio da mirada xa instruída, mais sen nengún afán de remake actualizador; se cadra, libre reinterpretación de escenas que activaron os argumentos e a mirada de Ucieda, sexa por estritos motivos de eficacia compositiva, ou ben porque condensan poses e situacións familiares no repertorio do ser humano da época actual: absorto, escindido, crispado, evasivo, toda unha galería de estatuaria entre a melancolía e a incerteza.
Englobadas inicialmente dentro da serie ou proxecto Simulacrum, a maioría das súas imaxes carecen de título ou, sinxelamente, corroboran -con dúas ou tres palabras en inglés-, a escena que se representa. Non hai máis pistas, nin se botan de menos. O rigor e profesionalidade do traballo de Ucieda teñen bo asento nas coordenadas estéticas que veñen desenvolvendo, desde finais dos anos setenta, fotógrafos de renome como Jeff Wall, Philip Lorca di Corcia ou Gregory Crewdson. Imaxes premeditadas, iluminación, traballo de posta en escena con actores e modelos, e aínda cando se trata de exteriores -un autobús urbano, un edificio de oficinas, un estanque de pingüíns, paisaxes verdes con mallas de redes, pontes-, sempre queda esa sensación de acción detida, intervida, coma un artificio que se nos escamotea.
Alén deste tipo de obras que están a facer o seu traballo cada vez máis recoñecible, e máis alá tamén da súa dilatada experiencia como fotógrafo de moda en Galicia, Londres ou Nova York, Ucieda desenvolve outro proxecto paralelo e menos difundido: Los Invisibles (xa con dúas series, Before Blue -Invierno- e I Want to be a Crocodile -Verano-, das catro que constituirán este work in progress). Trátase de imaxes máis evocadoras, máis espontáneas e directas, aínda que tamén traballadas no que respecta á cor final, a súa evanescencia, ao afán de transmitir unha temperatura máis poética e a fixación na memoria dun instante vivido, retratos e nús, seres queridos, amigos, animais, obxectos, paisaxes... Fotografías de formatos diversos, grandes e pequenas, pensadas para dispoñer na parede coma unha constelación, coma unha rede de afinidades electivas. Rastros efémeros que enlazan cunha liña máis próxima aos traballos de Wolfgang Tillmans ou William Eggleston, outros dous referentes que enmarcan un camiño en construción, o de Damián Ucieda, na procura dun equilibrio persoal entre clasicismo e modernidade. Acadar, no valor de cada imaxe, o subconsciente dun ADN emocional colectivo.
Seve Penelas (Novembro 2011)