O título da mostra alude ás medidas habituais dun nicho de enterramento. A irmá do soño é a morte, un tema consustancial á vida e sen cuxa existencia non tería razón de ser. O emprazamento elixido non podía ser máis axeitado. As igrexas foron durante séculos lugar de enterramento e, precisamente, esta mostra preséntase en Santiago, cidade erixida sobre o leito apostólico. A súa outra sede será a igrexa de Santa María de Lugo.
Deste xeito, preséntase unha mostra coral con vintesete artistas que abordan, de maneira directa ou tanxencial, un feito que dá motivo á reflexión a medida que transcorre o tempo.
Antón Lamazares alude á contorna eclesial como lugar de emoción, bullicio e pranto en E fai frío no lume.
O maximalismo de Paco Pestana, ensambla elementos dispares que conforman o libro da vida. Rituais de sacrificio pasados.
Eduardo Valiña escenifica os restos dunha matanza, metáfora dunha perda tanto física como cultural, espiritual e social.
Pamen Pereira reflexiona na capela sobre a fraxilidade da existencia e o amor alén da morte.
A instalación de Ana Soler alude ao estado de medo permanente, a amenaza diante da morte sobrevenida en calquera instante.
As esculturas de Paulo Neves dialogan coas vetas de árbores centenarias para darlles brío e nova vida.
No chan dunha das naves, un vídeo de Ignacio Pardo, cun corpo de muller mergullado en líquido amniótico, alude á coñecida expresión de “nacemento e mortaxa do ceo baixan”.
Xurxo Oro Claro manipula, con ollos artísticos, problemas pesados que sacoden a sociedade como o caso do maltrato infantil.
Xaquín Chaves centróuse, a nivel pictórico, en feitos luctuosos tratados a modo de réquiems sobre persoas próximas e queridas.
Álvaro de la Vega aporta unha garabata de tea metálica negra embutida nunha chaqueta con cenefa na manga, como atributo dunha época.
O díptico fotográfico de Fernando Páez, Celdas, traduce a condición de cada ser como cazador ou cazado, nun traballo autobiográfico e emocional.
Xurxo Lobato percorreu igrexas e camposantos para revivir prácticas ancestrais e co seu santoral Paixón revive o sentimento relixioso que acadaron grandes artífices da imaxinería barroca.
Baixo a cúpula, Cristian Villamide instala unha árbore morta coa intención de preservala recreando con ironía unha posible resurrección.
A idea de viaxe e de bagaxe como tránsito necesario á muerte, o gran circo do mundo é o que presenta Roberto González Fernández.
David Trullo idea imaxes de morte e resurrección social e política. Adéntrase en camposantos para profanar mausoleos e erixir novos heroes.
Mónica Alonso idea a última cama, un modelo de urna funeraria elixida polo propio usuario cos atributos que lle identificaron en vida ou que formaron parte do seu entorno.
Ramón Conde relaciona a morte co tema do eterno retorno, caracterizada nunha maternidade totalmente estraña á iconografía tradicional.
Manuel Sendón deixa constancia das diferentes maneiras de concibir a morte no rural e no urbano a través das súas fotografías de restos de esquelas nas portas cun gran potencial plástico.
Fran Herbello achégase ao imaxinario marino nun homenaxe aos pescadores mortos nun naufraxio.
Victoria Diehl presenta Carmencita -un traballo feito en colaboración con Susana Cendán-, seducidas ambas as dúas pola lenda dunha neniña falecida.
Andrea Costas aborda o paso do tempo e a intimidade, tratando as idades do ser humano e rendéndolle homenaxe a súa avoa.
O minimalismo das tres táboas de Teo Soriano comulga coa exuberancia dun dos retablos barrocos da igrexa como un choque visual e emocional.
Xulio Gil e o seu traballo fotográfico Fénix afondan na idea da vida despois da morte cun concepto de resurrección indeterminista.
A cámara de Antonio Blanco viaxa no tempo ao Antigo Exipto. Vigilia é un homenaxe á antiga civilización nacida nas marxes do Nilo.
Montse Rego comulga e xoga co cimeterio de Fisterra, de César Portela, para intentar acariciar e comprender á inexorable morte.
Bosque de Vánitas, o enorme lenzo de Rut Massó aborda o tema clásico da vanitas aderezado cun toque de fantasía e humor.
Fernando Yáñez busca a idea do irracional e do descoñecido, asociada á noción de finitude, establecendo unha ponte entre o divino e o humano.
En resumo, vintesete fórmulas artísticas doutros tantos autores sobre un tema practicamente inédito nos espazos expositivos de Galicia. A exposición, comisariada por Fátima Otero e Cristina Carballedo, está organizada pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Deputación de Lugo, onde itinerará posteriormente: á Capela de Santa María de Lugo (Ronda da Muralla, s/n), inaugurándose o 15 de marzo de 2012.
Fonte: Universidade de Santiago