Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Artistas participantes: Alexander Apóstol / Marcela Armas / Bernadette Corporation / Bernardo Bertolucci / Ursula Biemann / Andrea Bowers / CLUI [Center for the Land Use Interpretation] / Mark Dion / Carles Guerra / Hans Haacke / Romuald Hazoumè / Drew Heitzler / Christina Hemauer & Roman Keller / Werner Herzog / Peter Hutton / Iratxe Jaio & Klaas van Gorkum / Xurxo Lobato / Man [Manfred Gnädinger] / Damián Ortega / Georges Osodi / Alberte Pagán / Antón Patiño / El Roto / Analia Saban / Ken Saro-Wiwa / Allan Sekula / Manuel Sendón / Robert Smithson / Phel Steinmetz / Michael Stevenson / Rirkrit Tiravanija / The Yes Men (Andy Bichlbaum & Mike Bonanno) / xurban_collective [Guven Incirlioglu & Hakan Topal].
A balea negra é un proxecto expositivo que toma como punto de partida a crise provocada polo accidente do buque Prestige o 13 de novembro de 2002, xusto o mesmo día que se inauguraba o MARCO, para documentar e rememorar aqueles días convulsos e para abordar algunhas das cuestións máis incitantes do noso tempo: a explotación da natureza, o legado do colonialismo, a historia da modernidade, o mito do progreso indefinido, o comercio marítimo, a globalización, os movementos sociais ou a guerra.
No ano 2012, o MARCO cumpre dez anos dende a súa apertura ao público. A balea negra é un proxecto concibido como conmemoración do décimo aniversario do museo, que toma como punto de partida a coincidencia desa data co afundimento do petroleiro Prestige nas costas de Galicia, 240 millas ao oeste de Fisterra, o 13 de novembro de 2002, o mesmo día que se inauguraba o MARCO. Dez anos despois, a crise provocada pola catástrofe do Prestige adquire unha dimensión museística servindo como punto de partida e catalizador deste proxecto expositivo. A exposición está organizada en varios eixes temáticos, espaciais e temporais, que se van entrecruzando ao longo do percorrido polas salas da planta baixa, combinando a presenza das obras con abundante material documental -prensa, fotografías, obxectos, testemuños, vídeos, pezas gráficas...- con máis de cincuenta propostas artísticas en diversos soportes, dende pezas históricas ata obras máis recentes de pintura, fotografía, escultura, vídeo, cinema, debuxo, e instalacións.
O punto de partida sitúase no vestíbulo de entrada, con dúas pezas de grande carga simbólica: un cranio de cetáceo intervido por Man -o alemán de Camelle cuxo soño premonitorio serviu de inspiración para o título A balea negra-, xunto ao único fragmento que se conserva do petroleiro.
A partir de aquí, a rotonda do panóptico acolle a escultura de Damián Ortega como peza central, xunto á que se despregan distintos traballos que aluden a precedentes históricos da década dos setenta (Steinmetz, Hutton) e acontecementos actuais (Saban). As obras de Ortega e Saban mostran unha inquietante capacidade visionaria que conecta inesperadamente o equilibrio precario dunha sociedade dependente do petróleo co colapso da economía financeira, e anuncian tamén outros traballos de artistas latinoamericanos presentes na exposición.
A primeira sala está dedicada ao Prestige como acontecemento histórico; o seu contexto, naufraxio e efectos. Pinturas de Antón Patiño dos anos oitenta dialogan coa famosa fotografía de Xurxo Lobato e con todo un conxunto de materiais -vídeos, recortes de prensa, publicacións, obxectos, escritos, pezas gráficas- que serven como base documental e como eixe de varias liñas que conflúen noutros espazos. Unha delas conduce ás obras da seguinte sala, que aluden a episodios relacionados coa industria petrolífera no continente americano (CLUI, Armas, Apóstol), o seu impacto sobre as comunidades, e os seus efectos sobre a paisaxe.
Outro núcleo do relato expositivo sitúase no segundo patio, co trasfondo das obras de Allan Sekula -que contextualiza o accidente do Prestige nun momento histórico crucial, o do cambio de século- e que se presenta xunto á serie fotográfica de Manuel Sendón, a pancarta de Bowers e Müller como emblema do activismo en Alasca, e a carga crítica da película de Alberte Pagán, que se exhibe ao fondo da sala.
A mirada de Herzog na súa película Lessons of Darkness actúa como pano de fondo na seguinte galería, con varias propostas relacionadas con Oriente Medio (Biemann, xurban_collective), e a serie documental de Bertolucci, que se pode ler como antecedente simbólico deste contexto.
Xunto a pezas testemuñais sobre a pesca da balea e os debuxos de El Roto, o terceiro patio acolle a serie escultórica de animais cubertos de chapapote de Mark Dion, que se combina coa visión de Robert Smithson sobre os conceptos de sedimento e memoria, e que contribúe a realzar a idea do petróleo como mito dunha sociedade que será irrecoñecible unha vez que esta materia prima desapareza.
Outra sala pon o acento sobre o continente africano, coa obra de Hans Haacke e os traballos de autores como Osodi e Hazoumè, que trataron os abusos das compañías petrolíferas en Nixeria, nunha sección que se articula en torno á figura do poeta e escritor nixeriano Ken Saro-Wiwa. As imaxes de Osodi e Hazoumè traducen en imaxes a realidade á que Saro-Wiwa se enfrontou e actualizan a problemática que Haacke detectou a principios dos oitenta. Ao fondo desta sala, o mural de Tiravanija coa lenda Less Oil More Courage [Menos Petróleo, Máis Valor] funciona como utópica chamada á esperanza e á acción nun futuro cheo de incertezas.
A exposición conclúe cunha selección de obras e materiais documentais sobre a figura de Man, acompañados polo vídeo de Michael Stevenson, que transforma o real en fábula. As imaxes dos últimos traballos de Man antes da súa morte, o 28 de decembro de 2002, personifican a amargura do artista e de toda unha sociedade. O home que durante corenta anos viviu como un anacoreta nunha illa deserta, e que sufriu cando a temible balea negra arrasou o seu paraíso, marca tamén o punto final do percorrido expositivo.
LINK: A Balea Negra. Vídeo de Xurxo Chirro e Miguel Matamoro.
Fonte: MARCO