Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
A obra elixida. Artistas galegos dos últimos 30 anos

Atalaia

Jorge Barbi. Pasto de vacas. 1993. La Liébana (Cantabria). 9 fotografías b/n. 48x29 cm c/u.
> A obra elixida. Artistas galegos dos últimos 30 anos
Datas: 29/11/2012 - 15/02/2013

Comisariado

Mónica Alonso

Descrición

"A obra elixida. Artistas galegos dos últimos 30 anos é a mostra que inaugura a programación de exposicións temporais do MIHL. A idea de traballar sobre arte galega contemporánea estivo sempre presente, traballar sobre o propio, fronte ao gran nivel de internacionalización cultural que vivimos. Facendo así unha lectura presente da arte galega en activo, fuxindo de separacións xeracionais e idades. A importancia do lugar, Lugo, é outro punto de partida, poñer aos artistas que son ou traballan na cidade de Lugo en diálogo cos artistas do resto de Galiza. Así están presentes artistas lucenses como Antonio Murado, Jesús Otero e Mar Vicente; artistas de adopción que teñen o seu lugar de creación nesta cidade: Vicente Blanco e Salvador Cidrás. Ademais de artistas que teñen a cidade de Lugo como referente especial: Félix Fernández (Viveiro) e Rubén Santiago (Sarria).

As obras de arte nacen dos artistas, unha vez nacen teñen vida propia, aínda que nunca poden romper coa súa orixe. Cando a obra inicia a súa vida está exposta aos vaivéns de esta. Son outros os que as ven e desexan por moi diferentes motivos. A obra pasa a ser a elixida de outros, espectadores, coleccionistas, museos, etc. O artista ten que observar a obra a distancia. Pero, que pasa se a obra volve a vivir co seu creador? Cada artista convidado nesta exposición debe elixir unha obra da súa autoría e dicirnos o porqué da súa elección. Os motivos da escolla resultaron moi variados: a obra que marcou a miña traxectoria artística; unha obra vinculada cun acontecemento persoal destacado; unha das mellores obras; a obra preferida; a última obra realizada; a revisión actual dunha obra anterior; unha obra concedida para o espazo da exposición.

A proposta de elixir quere dar voz aos artistas, que sexan eles os que escollan a obra coa que queren reencontrarse, que manifesten a súa preferencia e a compartan co espectador. Elixir é preferir a unha persoa ou cousa a outras para un fin. Elixir obriga a escoller entre varias opcións, neste caso entre toda a produción creativa do artista, é por isto que todas as obras presentes nesta exposición están cargadas de distinción, son enormemente especiais e así no lo fan saber os seus creadores a través dos textos que as acompañan. O artista é xeneroso con nós e móstranos moito máis que a visualización da obra, danos a coñecer as súas debilidades dentro do preferido, o querido. Temos ante nos 16 obras seleccionadas, predilectas, favoritas, elixidas para un fin."

Texto: Mónica Alonso

Fonte: MIHL, Lugo