Artistas: Sae Aparicio - Natividad Bermejo - Olmo Cuña - Marcel Dzama - Jonathan Ehrenberg - Tamara Feijoo - César Fernández Árias - Elena Fernández - Patricia Gadea - Zilla Leutenegger - Ramón Losa - Jesús Pedraza - Iván Pérez - Gamaliel Rodríguez.
"Cando o CTB me propuxo a idea de comisariar unha exposición colectiva arredor do debuxo, ao instante pregunteime que significaba para min o debuxo. Inevitablemente recordei os meus anos de estudante na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando e o medo escénico -e a emoción á vez- que sentín no exame de ingreso onde tiñas que “saber debuxar” cun cilindrín negro chamado carboncillo. Naqueles anos, finais dos setenta, tiña dous camiños, ser pintor ou escultor, non había outra. A fotografía, o vídeo ou calquera outra linguaxe visual eran practicamente inexistentes. Eu elixín ser pintor. Materias como Debuxo do Antigo e Roupaxes, ou Anatomía, convertéronse no meu tormento particular. Cada profesor recordábame que para ser pintor primeiro había que aprender a debuxar, así que o debuxo era para min unha simple ferramenta de aprendizaxe. Afortunadamente, as xeracións máis novas encargáronse de resignificar o debuxo ata convertelo nun medio de comunicación específico e autónomo. Proba diso é a exposición que o CTB presenta baixo o título A tropa de misteriosas mans flotantes, onde o debuxo se fai carne de proxecto vital e artístico.
Esta exposición non pretende definir que é o debuxo, nin aspira a converterse nun corpo teórico sobre o feito de debuxar. Cando aceptei a responsabilidade de reunir a unha tropa de artistas que debuxaban puxen a condición das “tres p”, ser parcial, pulsional e político -as tres condicións que debe reunir un bo comisario, ou polo menos iso me dixeron-. Así pois, esta mostra é o resultado da miña propia mirada como artista, á que non puiden, nin quixen, renunciar. Non son comisario, nin nunca me sentín como tal, pero se algo pode achegar a miña presenza neste proxecto é unha análise dende dentro, dende a miña propia experiencia de elaboración artística, deixándome seducir pola obra de catorce marabillosos artistas. Unha tropa en definitiva que, afastada do modelo de perfección clásica -baseado na harmonía, a proporción, a orde e o límite das cousas- mergúllanse nas augas dun ideal romántico no que a desproporción, a desorde, a infinitude e o caos forman parte dos seus espazos vitais.
A expresión “flotante” fai referencia a certo concepto budista para describir o mundo en que vivimos. Un mundo de aparencias cargado en ocasións de escuras fantasías, e de alegres e divertidos pensamentos noutras. Debuxar é pensar e, efectivamente, é un acto no que a man debe e ten que voar."
Fonte: Nono Bandera / CTB