Lembrado sobre todo pola súa obra cinematográfica, a dimensión do traballo e da figura do cineasta e escritor Pier Paolo Pasolini (Bolonia, 1922 - Ostia, 1975) va moito máis alá dun realizador ao uso, xa que a súa actividade poética, ensaística e política marcaron asimesmo a traxectoria de quen, segundo Susan Sontag, “é, sen discusión, a figura máis notable que xurdiu na arte e na literatura italianas desde a Segunda Guerra Mundial”.
A exposición A voz de Pasolini. Primeiros apuntamentos dun ensaísta cinematográfico céntrase, fundamentalmente, en dúas das súas obras máis coñecidas: Mamma Roma (1962) e La Rabbia (1963). Grazas á colaboración do Centro de Estudos-Arquivo Pier Paolo Pasolini e, sobre todo, do cineasta, crítico e historiador cinematográfico Carlo di Carlo, axudante de dirección en ambas as dúas películas, a Fundación Luis Seoane acolle nas súas salas obras e materiais en diferentes soportes que axudarán a conformar un proxecto que afonda na figura de Pasolini como ensaísta e, sobre todo, como pioneiro do ensaio cinematográfico e teórico do cine de poesía, en termos do propio intelectual italiano. A través do rexistro sonoro dos diarios de traballo de Mamma Roma realizados polo artista, gran parte deles inéditos, así como de textos manuscritos, debuxos orixinais, esquemas de rodaxe, guións e, nunha sección diferenciada, a exposición do caderno de montaxe de La Rabbia, A voz de Pasolini ofrece unha heteroxénea visión dunha figura controvertida, pero sobre todo comprometida co proceso creativo da súa propia obra en paralelo ao profundo estudo da época convulsa e da sociedade na que lle tocou vivir.
Fonte: Fundación Luis Seoane