Con esta exposición, a Galería Bacelos inaugurou -a comezos de maio 2012-, a súa nova sede en Madrid, na rúa Apodaca. A mostra, que itinera á sede de Vigo, leva por título La noche común, un concepto que serve para evocar, entre outras cousas, ao expresionismo sombrío que caracteriza a obra desta artista vasca residente en Nova York. Abigail Lazkoz (Bilbao, 1972), presenta nesta ocasión debuxos en branco e negro, combinados nalgúns casos con delicados elementos tridimensionais, nos que se albiscan pequenos mundos onde nada semella existir sen o seu contrario. Lazkoz proponnos unha serie inacabable de contrapuntos, de cortocircuitos en sesión continua. A súa obra é unha reflexión constante ao redor das posibilidades expresivas do debuxo, onde a imaxinación racha, case dun xeito improvisado, toda narración consciente. A través de estruturas ás veces próximas ao assemblage, as realidades xurdidas do negro sobre papel interactúan activamente co espacio, "xoguetean" con outras realidades máis corpóreas, na procura, se cadra, dese espacio común, desa realidade alterna e solapada onde todo é posible e é posible ao mesmo tempo.
En palabras da propia artista: "La noche común é, por unha banda, unha reflexión ao redor das posibilidades formais do recurso ao negro fronte ao branco matriz e ao tímido contrapunto da cor, case suxerida, que aparece por vez primeira na miña obra. Por outra parte, no que concerne á narración, os debuxos, as ensamblaxes, recrean de xeito moi libre sensacións e momentos carnavalescos, un pouco na tradición tenebrista de Gutiérrez Solana. La noche común é un entroido traxicómico, descoyuntado, de máscaras e colgaxos metade celebración metade Santa Compaña. Desfilamos nesa noite compartida que nos leva, en rengleira e da man, cara un destino descoñecido."
Fonte: Galería Bacelos