Atalaia

Richard Aldrich. Homage M, 2004. Brad Grossman Collection, Nova York
> Abstracción racional
Datas: 25/02/2011 - 08/05/2011

Comisariado

Mariano Navarro

Descrición

Artistas: Richard Aldrich, José Loureiro, Nico Munuera e Juan Uslé.

No longo periplo da abstracción, que logo vai cumprir un século da súa partida, foi constante a súa deriva en dous sentidos opostos e complementarios, ben polo camiño que prima a expresión inmediata, espontánea e directa, ben polo que se orienta segundo o cálculo, o rigor e a norma.

Resulta constatable que nas dúas últimas décadas, pintores procedentes de tradicións nacionais tan diferenciadas como Richard Aldrich (Hampton, Virginia, Estados Unidos, 1975), José Loureiro (Mangualde, Portugal, 1961), Nico Munuera (Lorca, Murcia, 1974), e Juan Uslé (Santander, 1954), coinciden, no entanto, nun entendemento común que sustenta as súas prácticas nunha base racional, que non constitúe nunca un sistema impositivo e pechado, e que se abre ao pulo momentáneo e impensado do artista.

Un dos aspectos principais destes artistas, que nin constitúen grupo ou colectivo organizado nin o pretenden facer, é a súa coincidencia en facturar cadros belos, unha calidade en ocasións discutida e cuxa vixencia mesmo é negada como tal no momento que vivimos, pero que segue a ser un dos puntos fortes e aínda non esgotados da súa práctica.

Fonte: CGAC