No ano 2003 a Fundación Luis Seoane abría as portas da súa sede definitiva cunha gran mostra monográfica dedicada á obra de Luis Seoane e dúas exposicións colectivas: Seoane e a Vangarda: os seus mestres, os seus amigos, na que se contextualizaba a obra do artista galego e se afondaba nas súas orixes, e A construcción do espectador, que reunía un conxunto de obras pertencentes á colección institucional da Fundació “la Caixa”, que tiñan adquirido reconecemento crítico e que destacaban pola súa singularidade e significado dentro do panorama da arte contemporánea de finais do século XX.
Pode dicirse que estas tres exposicións marcaron en gran medida a estrutura expositiva da Fundación Luis Seoane, xa que se ben ao longo destes últimos dez anos o centro expandiu a súa programación cara outras manifestacións culturais como o cine de vangarda e de autor, a fotografía, o mundo da edición, a banda deseñada, a arquitectura, etc.; tanto a difusión e estudo da obra de Luis Seoane como o intercambio cultural con outras institucións constituiron os piares básicos sobre os que se estableceu a relación entre a Fundación e o espectador.
A Fundación Luis Seoane acolle, exactamente dez anos despois daqueles tres proxectos inaugurais, unha mostra de parte da Colección AENA de Arte Contemporáneo, que a través de preto de cen pezas de trinta e catro artistas permitirá reunir obras de creadores da talla de José Manuel Ballester, Miquel Barceló, José Manuel Broto, Pedro Calapez, Miguel Ángel Campano, Daniel Canogar, Joan Cortés, Alberto García-Álix, Pablo Genovés, Susy Gómez, Dionisio González, Luis Gordillo, Jan Hendrix, Federico Herrero, Pello Irazu, Antón Lamazares, Chema Madoz, Roberto Matta, Antonio Murado, Paloma Navares, Miquel Navarro, Juan Navarro Baldeweg, Manolo Paz, Jaume Plensa, Fabrizio Plessi, Bernardí Roig, Álvaro Sánchez-Montañés, Soledad Sevilla, José María Sicilia, Santiago Sierra, Darío Urzay, Juan Uslé, Darío Villalba e Tim White-Sobieski.
O título da mostra, air_port_art, fai referencia ao propósito orixinal que levaría posteriormente á construcción da colección: reunir obras de arte contemporánea coa fin de recibir aos usuarios das instalacións aeroportuarias con diferentes mostras artísticas.
A escolla realizada pola comisaria da exposición e conservadora da colección, Ángeles Imaña, componse dun conxunto de obras realizadas ao longo das dúas últimas décadas por artistas internacionais e nacionais, sendo maioritario este último grupo, o que lle proporciona á mostra un certo carácter documental sobre todo no referente á evolución da arte española na segunda metade do século XX. Neste aspecto, destaca a inclusión na exposición de diferentes grupos de series realizadas por algúns dos artistas españois máis destacados, como José Manuel Broto, Miguel Ángel Campano, José María Sicilia, Susy Gómez ou Darío Urzay, así como as series fotográficas de Daniel Canogar, ou a realizada polo artista pontevedrés Antón Lamazares, constituíndo este último, xunto a Manolo Paz e Antonio Murado a representación da arte galega na exposición.
A variedade dos soportes e formatos presentes en air_port_art ofrece ao espectador a posibilidade de observar unha mostra da evolución da pintura dende comezos da década dos noventa ata os nosos días, grazas á presenza de obras de Miquel Barceló, Pedro Calapez, Luis Gordillo, Federico Herrero, Juan Navarro Baldeweg, Soledad Sevilla, Juan Uslé, Antón Lamazares e o xa desaparecido Roberto Matta. No que respecta á fotografía, ou ao emprego desta como fío conductor da obra, a exposición conta con creadores da talla de Chema Madoz, Alberto García-Álix ou Daniel Canogar, de quen se inclúen parte de dúas series, Gravedad Cero e Enredos, a través das que consegue transmitir sensación de movemento mediante figuras estáticas. As imaxes oníricas de Pablo Genovés ou o urbanismo caótico de Hanoi reflexado por Dionisio González, a sutil delicadeza das fotografías de Paloma Navares, e a solidez que emana dos traballos de Santiago Sierra ou de Álvaro Sánchez-Montañés pechan a presenza da fotografía na mostra.
No apartado correspondente á escultura, a poesía patente nas tres pezas de bronce do italiano Fabrizio Plessi ou a sutileza de Luna atravesada de Miquel Navarro conviven na mostra coa rotundidade do granito, protagonista habitual da obra de Manolo Paz, a dimensión pictórica do traballo escultórico de Pello Irazu, o dominio da materia de Jaume Plensa ou o carácter orgánico do traballo de Joan Cortés.
Por último, a mistura de pintura e fotografía, base da obra de Darío Villaba, sen dúbida unha das figuras máis importantes da arte española contemporánea, xunto co mural metálico do artista holandés Jan Hendrix, a imaxe enigmática de The Flight of the Soul de Bernardí Roig, a peza de vídeo de José Manuel Ballester e a instalación multimedia de Tim White-Sobieski pechan unha proposta que ficará nas salas da Fundación Luis Seoane ata o vindeiro mes de outubro.
Fonte: Fundación Luis Seoane