Atalaia

Hugo Aldatz. Empty Pools, II. 2011. Madeira e resina.
> Hugo Aldatz + Alba Fandiño
Datas: 04/05/2012 - 20/06/2012

Descrición

Na liña das dúas últimas exposicións realizadas polo equipo da Galería About Art en Pontevedra, isto é: Xeración 80: os estados intencionais da muller (Pazo da Cultura) e Emerxentes (Galería About Art), nas que se integran artistas da Xeración 80 (nados na década de 1980 e relacionados coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra), preséntase nesta ocasión unha mostra dobre: por un lado a artista Alba Fandiño (1980, Betanzos, A Coruña), que expón traballos pictóricos, serigrafías, debuxos e colaxes; e, por outra banda, o escultor Hugo Aldatz (1984, Vigo, Pontevedra), coas súas series en miniatura baseadas en paisaxes imposibles realizados con troncos de árbores e libros antigos.

Alba Fandiño. As obras presentes na exposición están relacionadas coa elaboración dun traballo de investigación no que Alba Fandiño está inmersa, e onde se cuestiona a utilización dos materiais propios dun soporte artístico, traballando con técnicas como o dripping, serigrafía e colaxe, entre outras. A súa obra está inlfuenciada por elementos da cultura popular e diversas expresións artísticas e plásticas, ademáis de ter relación cos contos, narracións infantís, refráns e simboloxía animal. Na súa expresión plástica e estética prima a cor e as texturas que contribúen a xerar unha obra colmada de vida e luz.

Hugo Aldatz. Técnico superior en fotografía e estudiante de Belas Artes en Pontevedra. Aldatz presenta as series Empty pools e Forgotten spots, baseadas en esculturas en miniatura nas que reflexiona sobre a relación da arquitectura co lúdico, cuestionando a finalidade única dos espazos e creando escenarios imposibles en pequenos troncos ou libros antigos. A serie Empty pools foi premiada no Certame Novos Valores da Deputación de Pontevedra, no ano 2011.

Fonte: Galería About Art