"Son escultora. Gústame o volume e o contraste, o peso e a levidade. Por outro lado, o proceso do traballo manual é fundamental para min. Resúltame imprescindible a manipulación, o esforzo físico que convirte ao proceso en parte da obra. Fago vídeo, debuxos, fotografías ou obxectos pero, en todos os casos, actúo activamente no que sucede. Traballo co que teño ao alcance da man no radio no que estendo os brazos. Á maneira dunha medida humana.
Comezei a traballar con libros dun xeito intuitivo. Como obxectos que collen nunha man, sen contido. Manipulábaos de xeito individual, eles sós comezaron a xuntarse. Os libros son un símbolo de cultura, mais tamén un obxecto de consumo. Son o recipiente do que o hombre ten pensado individualmente, nun contexto concreto e nunha lingua determinada. O conxunto é unha mistura global humana.
Os títulos tiñan que ver, case sempre, coa linguaxe e coas súas disfuncións, cos xogos que permite, a dislexia, palíndromos, Proyectos de autismo, Políglotas, Odiolaluzazulaloído, Contemporáneos… Era unha referencia clara á idea da lectura, que é a que lle dá sentido ao libro, aínda que o interese pola representación fai que moi pronto sinta a necesidade de facer fotografías.
Nunca importaban os contidos dos libros que empregaba. Nun comezo, eran libros de texto. O contrario á orde dunha biblioteca. É cando realizo un proxecto en Milán, cando os libros que me conseguen son todos catálogos de arte marabillosos. Nese momento e, de xeito espontáneo, prodúcese un xiro ao non mesturarse diferentes lecturas. Xa non eran textos, eran imaxes, propostas artísticas de tempos mesturados. Daí sae Inbreeding, que é un termo empregado para medir a mestura entre animais, a consanguinidade co obxecto de acadar unha raza pura. Así, nas pezas xurdidas desde ise momento, existe unha lectura, unha superficie de contido puramente visual.
Unha esfera é un corpo que nunca perde a súa forma aínda que a súa posición varíe. É unha especie de absoluto. Gustábame a idea de colocar nunha galería unha enorme bola cuxa superficie estivese cuberta por múltiples propostas artísticas de diferentes épocas, e que rematasen por establecer relacións entre as innumerables imaxes para crear unha soa.
Interésame da arte que exista a posibilidade de que calquera proceso de expresión sexa posible aínda que o que xere non chegue a ser unha obra de arte. Enriquéceme pensar que podo ir a velo aínda que non me guste ou non teña nada que ver conmigo. Non entendo a palabra exclusión no ámbito da arte."
Texto: Alicia Martín.
Fonte: Galería Trinta