Atalaia

Almudena Fernández. Pattern Panóptico. 2010. Detalle da intervención nas paredes interiores do MARCO
> Almudena Fernández. Pattern Panóptico
Datas: 12/11/2010 - 29/11/2011

Descrición

Pattern Panóptico é unha proposta da artista Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970), pensada para os espazos do MARCO, que formula unha pintura fóra do formato pechado do “cadro”; unha pintura que busca o diálogo co contexto, que intenta ser cómplice da especificidade do lugar. Nesta peza é o espazo o que dita as pautas, os atributos formais, á pintura, que é totalmente dependente, indisociable do espazo que a contén. A arquitectura convértese en soporte da pintura, substituíndo o soporte do cadro/obxecto pechado, transportable e autónomo. Pero ademais do soporte, a arquitectura é tamén o obxecto de reflexión.

A intervención xorde a partir dunha forma atopada no espazo (a planta do Museo), convertida nun elemento-patrón que ao multiplicarse, seguindo un esquema compositivo predeterminado de simetría, rotación, repetición sistematizada, xera unha trama gráfica que tapiza a superficie do muro frontal do vestíbulo. Así, ademais de cuestionar os límites do cadro e apoiarse no ámbito mural da arquitectura, incídese na referencia apropiacionista, no recurso de adoptar un motivo atopado no espazo para vincular a pintura/debuxo ao contexto onde se inscribe.

En Pattern Panóptico as pautas formais están marcadas polo deseño arquitectónico do edificio -un antigo cárcere- cuxa estrutura responde ao ideal do panóptico deseñado por Jeremy Bentham no 1791. O panóptico, concibido inicialmente para centros penitenciarios, faise visible, perde a súa utilidade (vixiar sen ser visto), convértese nun elemento ornamental que mostra e á vez disimula, nun deslizamento decorativo, a memoria do espazo.

Os motivos reproducidos sobre papel, cun proceso de impresión dixital, desmitifican o acto creativo asociado á pintura, e cuestionan a aurática presenza da man, a mestría e virtuosismo que tradicionalmente se asocia ao oficio do pintor.

Fonte: MARCO, Vigo