Atalaia

Ana Teresa Ortega, Illa de San Simón (ría de Vigo, Pontevedra), da serie Cartografías silenciadas, 2007
> Ana Teresa Ortega. Cartografías silenciadas
Datas: 27/07/2011 - 20/11/2011

Dirección

Pep Benlloch

Descrición

Cartografías silenciadas: o lugar como discurso crítico

Todo lugar obedece a unha identidade -real, abstracta, construída ou imaxinada- que o nutre e o significa, define e incluso denigra ou subliña, amparado no emprego indistinto dos discursos. Neste senso, a dialéctica da arte logra liberar todo espazo de axustadas cargas restritivas e esixentes, que emanan do apropiado, do incómodo, do necesario ou mesmo do prescindible, conseguindo que soamente afecte á súa existencia. Para Ana Teresa Ortega (Alacante, 1952), a dificultade de reunir esta serie que conforma Cartografías Silenciadas, articulada por 71 lugares da represión franquista, non radica no esforzo de encher cada obra de recordos, de historia e de sucesos, senón na audacia de baleiralas, de espilas de condicionantes e mostralas como representacións sutís, unha sorte de aparencias que se relacionan co espectador a modo de rastro, de narrativa dunha historia aínda por contar e avaliar.

Como vén sendo característico na produción de Ana Teresa Ortega, no proxecto Cartografías Silenciadas evidencia o seu esforzo na tarefa de posicionarse no baleiro, na ausencia como territorio analítico adecuado para situar o punto de partida dunha poética comprometida e reflexiva. Así, mostra lugares dispoñibles para introducir a crítica e a inspección a través da memoria, devolvendo á realidade do presente aqueles espazos que durante un tempo recente acolleron un uso destinado ao horror, silenciados a través do esquecemento e do descoñecemento. Por estes motivos, o Auditorio de Galicia acolle esta exposición itinerante co-producida coa Universitat de València (Valencia), Palau de la Virreina (Barcelona) e Gernikako Bakearen Museoa Fundazioa (Gernika), coa excepcional particularidade de reunir, por vez primeira, a serie fotográfica completa, dando conta dunha realidade nominal, que incita a pensar no lugar como discurso reflexivo, crítico e poético do que é, do que debería ter sido e finalmente foi.

Galicia conta con espazos de represión, moitos deles só existentes na memoria, que cómpre visitar da man da cámara da artista: a illa de San Simón (ría de Vigo, Pontevedra), a ponte de Castrelo de Miño (Ourense), o Campo da Lavacolla (Compostela, A Coruña), o Campo da Rata (A Coruña), Camposancos (A Guarda, Pontevedra), o mosteiro de san Clodio (Leiro, Ourense), o mosteiro de san Salvador (Celanova, Ourense) e o campo de concentración de Rianxo (A Coruña), son mostra deles.

O soporte fotográfico está acompañado polo audiovisual, cun vídeo que recolle estas cartografías, e que dá conta da inquedanza de Ana Teresa Ortega ao partir de diferentes linguaxes creativas para esculcar na imaxe e nos recursos representativos da memoria.

A pescuda artística complétase coa documentación e reprodución de material gráfico de época que a artista recompilou nun complexo traballo en distintos arquivos e institucións públicas. Como reflexión complementaria ás pezas en sala, un libro recolle, ademais destes e outros materiais, un conxunto de reflexións que ofrecen unha visión particular sobre estes escenarios deshabitados, celosos de historias.

A mostra está confeccionada como un espazo propio, crítico e discursivo, no que o achegamento á existencia de cada un deses lugares públicos e privados, relixiosos e civís, está preñado de evocacións que a artista mostra dun xeito intelixente, rigoroso, coherente e intenso, e que fai desta serie unha eficaz ferramenta de profundo estímulo e análise, de goce estético e plena consciencia do horror, tendendo pontes entre relatos opostos e incluíndo a lectura artística no debate colectivo.

Fonte: Chus Martínez Domínguez / Auditorio de Galicia