Atalaia

Andrea Costas. Vista xeral da exposición Alivio, na Sala Alterarte, Ourense, 2011
> Andrea Costas. Alivio
Datas: 13/05/2011 - 17/07/2011

Artistas

Andrea Costas

Descrición

Cuarta entrega do proxecto “Estado Crítico” -coordinado por Xosé Manuel Buxán Bran-, que nesta ocasión presenta o traballo artístico de Andrea Costas coa complicidade de Chus Martínez Domínguez como comisaria.

A arte efémera raras veces se presenta ao público debido ao carácter breve e perecedoiro que definen as súas obras. Esta cualidade sérvelle a Andrea Costas (Vigo, 1978) para seguir afondando na capacidade emocional e social da práctica artística, como é habitual no seu traballo, poñendo en valor unha serie de actuacións relacionadas coa construción colectiva, neste caso en torno á morte e concretamente ao duelo, como proceso este último, instalado no transitorio e temporal. A artista manipula no espazo da Sala Alterarte distintos conceptos elaborados e aprehendidos polo suxeito: a tradición, a conduta, a experiencia ou o rito, para que o visitante experimente o propio loito, un particular procedemento de despedida afrontado desde o biográfico, desde a memoria, contribuíndo cos seus recordos, coas súas vivencias. Advertindo o seu particular alivio fronte o presente.

Alivio, proxecto especifico para a Sala Alterarte, pretende explorar nun lapso de tempo determinado, distintas variables conceptuais e físicas ao redor do fugaz no ciclo vital. Por un lado, desde a desaparición, encarnada nun manto de flores como símbolo do caduco, pegada do individual; e por outro lado, desde a reconstrución, coa recreación de recordos nas paredes, como proceso colectivo. Estes dous compoñentes estruturan unha proposta que convida a reflexionar un espazo transformado, rico en lecturas transversais proporcionadas desde os elementos presentes na sala. A interacción co elemento efémero así como as connotacións poéticas da temática, propician un paradoxo político, social, cultural e relixioso, tentando converter a exposición nunha celebración e homenaxe ao cambio, á perda de hábitos, vivencias ou eleccións frustradas que por ser desbotadas tamén precisan do seu propio duelo. Actívase unha relación íntima e lúdica co espectador, xa sexa a través do sentido do sensitivo (olfacto, tacto) e a través do percorrido dentro da peza, xa sexa colaborando na elaboración da obra mediante a escrita, dando conta nas cintas fúnebres que recobren as paredes, dos seus recordos, da súa experiencia, pracenteira e dolorosa. Andrea Costas xestiona procesos autobiográficos, sociais e culturais a través dun escenario contido, onde o silencio da ausencia vai sendo substituído polo diálogo espontáneo que seguimos a través das mensaxes, atentos ao cambio, á transformación e ao desgaste que lonxe de ser negativo aspira a conectar cunha mensaxe amable sobre a oportunidade de despedirse e de recordar.

O conxunto de símbolos despregados no espazo —recorridos, liturxias e retóricas—, falan máis da vida que do propio feito da morte, sempre conflitivo en si mesma, pretexto de análise da tradición, da identidade colectiva. Alivio pretende combater o desgarro do esquecemento mediante a consciencia do proceso finito que logra ser conectado co exercicio do recordo, sempre perdurable, alegorizado na Sala Alterarte a través das flores como base material e simbólica dunha renovación e cambio, para analizar o ser no seo dunhas relacións sociais e existenciais sempre conflitivas.

Fonte: Sala Alterarte / Chus Martínez Domínguez