Durante toda a súa traxectoria, Arturo Álvarez ten xogado coa luz tamizándoa, atrapándoa, difuminándoa e coloreándoa. Un xogo sen fin, unha danza plena. A luz é caprichosa, escápase, fíltrase, ocúltase. Entre creador e luz prodúcese un diálogo rico e cheo, e co devalar do tempo tórnase amable e amigo. Os dous se coñecen e compleméntanse. As formas curvilíneas, xenerosas, amplas e, por ocasións, estilizadas, remítennos sempre á muller, ao feminino e tamén á natureza máis exuberante, temas que impregnan a súa obra e son sempre recurrentes. Nesta viaxe polo volume da luz acompáñalle o tamén deseñador Martín Azúa, autor da lámpada Lúa, un elemento transportable para dentro ou para fóra. A lúa na terra. Martín deseñou ademais o espazo On/Off para a Cidade da Cultura e as lámpadas que produxo Arturo Álvarez. Uns cartuchos inmensos que se abren ao ceo ofrecendo todo o seu esplendor.
Fonte: Factoría Compostela