"Lembro que a miña maior dificultade foi considerarme artista. Nos primeiros anos de estudante de Belas Artes en Barcelona producíame vertixe pensar en chegar a ser pintora e aínda máis en ser artista, término que designaba ós autores que eu ía descubrindo con fascinación. Despois fun atopando o xeito de que o que eu facía fora asemellándose á arte, ou polo menos á arte que debía imitar se quería ser pintora. Hoxe penso que a arte é imitación. Recorremos á imitación do mesmo modo que emulamos ás persoas que nos anteceden, ós modelos humanos que copiamos. Eu vivín o feito de nacer nunha familia na que hai un importante vínculo coa cultura; pintaba dende pequena, tivemos uns excelentes talleres de plástica dende o período infantil no colexio alemán e contaba co apoio dalgún irmán que me poñía a traballar ó voltar da escola e gardaba e valoraba os meus debuxos (...)
A arte ten a capacidade de abraiarnos. A experiencia do abraio detén a actividade da mente, o remuíño mental. É a sorpresa do agora. É o abraio o que detén a estrutura dialéctica da mente. Recoñecer o pensamento é a ponte de entrada á actividade artística. Na práctica da arte, a sensación dase en presente. O pasado e o futuro tórnanse fuxidíos. O tempo desaparece, o tempo non deixa de ser un pensamento. A arte ten o poder de achegarnos á realidade, de situármonos no tempo presente. A arte ten o poder de nos espertar dun soño.
Cando decido facer un cadro, penso previamente cómo o vou realizar, establezo uns parámetros que, a miúdo, veñen dados polas propias características dos materiais e pola idea que sostén a proposta, pero normalmente xorde dunha necesidade, unha necesidade de avance.
Despois de 25 anos na pintura, chegas a pensar que xa formulaches o teu proxecto, que todo está xa feito, pois aquelas pequenas aportacións ou variacións en torno ó extenso espazo da pintura abstracta foron xa formuladas e só queda non copiarse máis. Pero aparece a necesidade de experimentar nun territorio diferente e descobres de novo as infinitas variables dunha nova idea."
Texto: Berta Cáccamo
Fonte: Galería Trinta