Atalaia

Carolina Bonfim. 90 movimentos sobre TECHNOGYM G6508D (2017)
> Carolina Bonfim. 90 movimentos...
Datas: 20/01/2017 - 02/04/2017

Descrición

Carolina Bonfim. 90 movimientos sobre TECHNOGYM G6508D é unhas das propostas que forman parte do ciclo expositivo: PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto, comisariado por Chus Martínez Domínguez.

“O 13 de maio de 2016, ás 18:32, comecei a correr na cinta modelo TECHNOGYM G6508D. Sobre esta cinta botei a correr durante 90 días e desde unha observación activa, estudei os corpos que corrían diante miña. A elección de realizar este estudo no ximnasio non foi aleatoria. O ximnasio é por excelencia un espazo dedicado á corporeidade, onde o corpo/suxeito está en movemento constante, que performa para seguir performando, 24h, 7 días/semana, 365 días/ano. A súa arquitectura está pensada como un escaparate de corpos, onde moitos alí depositan a procura de sentido por medio da práctica do movemento corporal. Como o corpo e a subxectividade poden ser pensados, manipulados, transmitidos e vividos a través dunha actividade física?
Neste estudo quixen poñer o foco na acción ‘correr’ e levala ao extremo: fragmentala, arquivala, incorporala, evidenciar o que hai de único e propio en cada maneira de moverse. Desde o meu corpo vivín e experimentei 90 maneiras de correr. Cada día elixía un corpo e a dinámica deste traballo era unha mestura entre encarnación-comportamento-contorna. Para cada corpo, o mesmo guión: incorporaba cada movemento in situ, sobre a cinta de correr e posteriormente, fóra do ximnasio, repetíao varias veces. Como metodoloxía para a aprehensión do movemento, utilicei diferentes técnicas (fotografía, texto, vídeo e colaxes) creando así partituras, esquemas, fichas e detalles de cada un dos corpos observados.
O resultado é un arquivo de ‘correr’ de corpos de descoñecidos no ximnasio. Este proxecto continúa unha liña de traballo que veño desenvolvendo desde 2010 e que ten que ver co estudo de accións tratadas como triviais, é dicir; andar, marchar, nadar, correr, beber, mirar, bailar, sentar e desprazarse, entre outras. Aínda que as realizamos como actos físicos ou mecánicos ‘naturais’, son en realidade o resultado da dimensión cultural onde está inscrito o individuo e a súa aprendizaxe está baseada especialmente na imitación. Cada corpo representa un sistema simbólico particular, unha estrutura lingüística que ‘fala’ e revela unha infinidade de informacións a través da súa xestualidade.
Busco experimentar a xestualidade do Outro no meu corpo desde a miña subxectividade, expandir o meu repertorio corporal e manter activa a capacidade de ter un corpo mestizo e plural”.
Texto: Carolina Bonfim
Fonte: MARCO, Vigo.