Atalaia

Martín Pena. Dúas restitucións, I. 2010. Intervención con tres tambores de pedra xunto ao Obelisco, A Coruña
> Cartografías Quebradas. Outonarte 2010
Datas: 02/10/2010 - 14/11/2010

Descrición

Baixo o título Cartografías Quebradas desenvolvéuse Outonarte 2010, promovido pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Esta terceira edición levou adiante un proxecto comisariado por Seve Penelas no que participaron un total de 14 artistas e colectivos, que presentaron as súas obras nas salas do Palexco e da Casa da Cultura Salvador de Madariaga, ademais de intervencións específicas nos espazos públicos que estruturan o eixo urbano entre as dúas salas: desde a Avda. da Asociación da Prensa, Xardíns de Méndez Núñez, Obelisco, Cantón Grande, ata o arco na esquina entre as rúas Durán Loriga e Huertas, para rematar cunha gran pintura mural na Travesía da rúa Huertas.

Un roteiro de ida e volta con todos os seus quebros, propios das olladas dunha escolla de artistas representativos da actualidade artística en Galicia que vertebraron esta exposición entre as revisións de poéticas clásicas e modernas, cunha especial atención á cidade, ao lugar, ao corpo e o relato como escenarios e territorios cargados de simbolismos, cruces, significados e significantes. Faros, vistas áereas de cidades, paisaxes enredadas en terra de ninguén, labirintos, ambientes sonoros e proxeccións orgánicas, estruturas cromáticas e lumínicas, pinturas murais, intervencións na escenografía urbana, mapeados e inventarios da cidade, restitucións e desprazamentos de estatuaria pública e relectura monumental, animacións de contos e relatos de diversas tradicións, épocas e culturas, pezas de danza contemporánea, e outras fabulacións.

Cartografías Quebradas - Outonarte#2010 ofreceu así un roteiro expositivo por propostas de actualidade das artes visuais en Galicia, a través dunha xeira de artistas que traballan con diferentes contidos, linguaxes e soportes técnicos: pintura, escultura, debuxo, fotografía, vídeo, cortos de animación en stop-motion, instalacións, performances e rexistros de accións, intervencións no espazo público, danza contemporánea, etc., acompañados dun programa de actividades paralelas.

Fonte: Concello da Coruña