Atalaia

Chema Madoz. Sen título. 2000. Fotografía branco e negro sobre papel baritado. 13 x 18 cm.
> Chema Madoz. Ars Combinatoria
Datas: 14/03/2012 - 24/06/2012

Artistas

Chema Madoz

Comisariado

Oliva María Rubio

Descrición

A mostra Ars Combinatoria ofrece un extenso percorrido polo traballo de Chema Madoz (1958, Madrid), no que se poden observar os procesos mentais de onde xorden as súas imaxes; as variadas combinacións ás que somete aos obxectos para facernos ver as inesgotables posibilidades que encerran, así como as influencias das que bebe a obra de Madoz e como soubo construír a súa propia linguaxe e o seu especial mundo creativo. A exposición, comisariada por Oliva María Rubio, historiadora da arte e directora de exposicións de La Fábrica (Madrid), inaugurouse en Roterdam (Holanda) en xaneiro de 2011 e en España só estivo en Córdoba de xuño a setembro de 2011, coincidindo coa candidatura da cidade a Capital Europea da Cultura.

Ars Combinatoria presenta 70 fotografías que abordan a traxectoria do artista no seu conxunto. En palabras de Oliva María Rubio, "o especial modo de interpretar a arte a través da fotografía e a súa visión poética fixeron de Chema Madoz un dos creadores máis interesantes da escena artística contemporánea. O seu traballo mostra as relacións escondidas entre os obxectos e indaga nas trampas da visión, abrindo unha xanela á nosa mellor comprensión do mundo. O artista considérase un escultor de obxectos que opera desde o punto de vista dun fotógrafo e sinala que a fotografía é o rexistro da memoria que lle permite fixar as súas ideas. Nos diversos procedementos que utiliza: condensacións, asociacións, xustaposicións, desprazamentos, ars combinatoria, encontros fortuítos aos que somete aos obxectos, Madoz emparéntase cos surrealistas nesa procura de novos significados, novos parentescos, novos camiños por onde deixar vagar a imaxinación. Hai tamén nestes desprazamentos, metamorfoses, combinacións ou procuras de relacións entre os obxectos, unha especie de lixeireza que se asocia coa idea de xogo. Algúns dos desprazamentos formais deste creador son mínimos, pero dunha eficacia extraordinaria. O cotián inspíralle as máis curiosas asociacións e nelas hai sempre un trasfondo de xogo. Xestos e construcións onde consegue que o máis raro pareza normal, como cando coloca unha sandalia sobre unha bota. Trata de mostrar cambios sutís das cousas, engadidos ou subtraccións, desprazamentos ou metamorfoses, que xeran unha singular estrañeza."

Amante do branco e negro, a súa obra recolle imaxes extraídas de hábiles xogos de imaxinación. nos que perspectivas e texturas tecen as súas imaxes. Desde hai tempo pinta ideas de prata. Co seu traballo abre espazos insospeitados, formas de gran forza. A través das súas fotografías podemos chegar a comprender o estraño dos atributos nas formas e os ciclos que de forma insistiente están presentes na natureza.

Fonte: Auditorio de Galicia