A Galería Espacio48 presenta a exposición colectiva Colezziona, unha mostra con propostas dos artistas Caxigueiro, Vivián e Xurxo Martiño.
Daniel Caxigueiro (Mondoñedo, Lugo, 1955), expón por primeira vez entre as paredes de Espacio48 e o fai curiosamente volvendo camiñar por un espazo previamente transitado, e para iso reinterpreta e afonda cos seus libros de cerámica nese profundo e enrevesado universo simbólico que conteñen.
Xosé Vivián (Santiago de Compostela, 1949), trae ao recordo pezas pictóricas evocadoras e cargadas dun lirismo que nos transporta a unha natureza momentáneamente alterada, pero que atopa refuxio na delicadeza do seu trazo.
Xurxo Martiño (Vimianzo, A Coruña, 1964), procura na reinvención das súas paisaxes arquitectónicas unha plasmación real e desposuída de todo artificio, e non para de tentar captalos dende distintas ópticas, sintetizándoos cada vez máis, ata o punto de chegar a fundirse coa propia materia.
Os tres teñen en común a súa rigorosidade e o seu coñecemento e compromiso co que lles rodea en todo momento. Deste xeito, todas as obras teñen que ver co cotián, coa natureza, coa realidade circundante e comparten todas elas unha forte carga de valores comúns, así como un claro vínculo coa materia, unha materia interiorizada dende un punto de vista poético pero, ao mesmo tempo, moi realista.
É a amalgama destas coincidencias a que crea un impacto global imborrable no espectador, que se reformula a trascendental cuestión de por qué a arte debe estar presente no noso día a día, tendo en conta os tempos que corren. E a resposta atópaa de inmediato, xa que é a propia arte a que lla facilita case sen esforzo, pois non deixa de ser esta un testemuño dun momento que nos pertence a todos por igual, e que queda atrapado de forma incuestionable e irrepetible, ousando estimular a nosa conciencia e a nosa consciencia histórica e potenciando os valores que nunca se deberían perder.
E por iso xorde a necesidade de colezzionar, que se escribe nesta ocasión con dúas zetas, apropiándose da última letra do abecedario, a máis esquecida, que marca o final, pero avisa do comezo de algo novo, un coleccionismo que procura cada vez máis meditar sobre o que nos define e sobre o que de verdade pode aportarnos todo o que recompilamos e gardamos como o noso pequeno gran tesouro. Unha colección que nos acompañará sempre e cuxa pertenza dirá moito de nós, polo que debe ser realista, próxima e factible.
Texto: Cristina Moreiro
Fonte: Galería Espacio 48