Atalaia

Xaime Quesada Blanco. Win Zip I. 2002. Técnica mista sobre tea, 200 x 200 cm.
> Confluencias: Jaime Quessada / Xaime Quesada Blanco
Datas: 12/04/2012 - 09/09/2012

Descrición

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza a exposición Confluencias. Jaime Quessada / Xaime Quesada Blanco na Casa da Parra de Santiago. A mostra busca establecer un diálogo entre a obra pictórica de Jaime Quessada (1937-2007) e a do seu fillo, Xaime Quesada Blanco (1975-2006), ao tempo que propón unha reflexión sobre os puntos de encontro entre ambas producións a raíz dos fortes vínculos afectivos e artísticos entre os dous creadores ourensáns.

A arquitecta María Jesús Blanco, viúva e nai dos artistas arredor dos que xira Confluencias, é comisaria da exposición xunto a Pilar Corredoira. Coa colaboración da Fundación Xaime Quesada Blanco de Ourense, que atesoura a meirande parte do legado de pai e fillo, seleccionaron para a ocasión máis dunha trintena de obras moi significativas en ambas traxectorias e a través das que se propicia un novo e simbólico encontro artístico entre Quessada e Quesada.

As 32 pinturas e debuxos que reúne Confluencias –aproximadamente a metade de cada un dos creadores– foron realizados a partir de finais da década dos setenta no caso de Jaime Quessada e desde mediados dos noventa, no de Xaime Quesada Blanco, describindo en conxunto un argumento creativo que ten como eixo central o universo persoal e artístico compartido por ambos. Incídese, pois, nas referencias comúns, aínda que constatando as lóxicas diferenzas estilísticas e xeracionais que, pola súa banda, serven como referencia para entender a evolución da pintura galega nas últimas décadas do século XX. O percorrido complétase cun documental de 15 minutos de duración realizado a partir de material audiovisual inédito sobre ambos artistas.

A exposición ofrece ao público unha nova e excelente oportunidade de se achegar á produción pictórica de Jaime Quessada como figura de referencia na arte galega do século XX, cunha relevante significación como artista e intelectual comprometido co seu tempo que transmite desde os diferentes ámbitos a través dos que desenvolve a súa obra: pintura, cartelismo, gravado, escultura, muralismo e literatura. Afondase, ao tempo, na curta pero intensa traxectoria artística de Xaime Quesada Blanco, quen interpretou e incorporou o legado do seu pai desde unha perspectiva propia, non exenta de compromiso e carga experimental, na que destaca a súa temperán vocación e paixón polo emprego das novas tecnoloxías e as poéticas xeométricas.

Fonte: Casa da Parra