Atalaia

Pamen Pereira. This is a love story, I. 2009. Botas de coiro, poliéster, bolboretas de polipropileno, imán e fío de nylon.
> Coordenadas [Fondos das coleccións Caixanova e CaixaGalicia]
Datas: 09/02/2012 - 31/08/2012

Comisariado

Paloma Vela

Descrición

Coordenadas é o título da nova exposición permanente do Centro Social de Novacaixagalicia en Vigo, nun proxecto que reúne por vez primeira obra das dúas coleccións de arte das antigas caixas galegas -Caixanova e Caixa Galicia-, amosando 60 pezas dun total de 52 artistas. No conxunto da mostra se combinan os traballos de artistas novos -Carlos Rial, Jano Muñoz, Jorge Perianes, Victoria Diehl ou Santi Jiménez, entre outros-, con autores dunha traxectoria máis dilatada –Pamen Pereira, Jorge Barbi, Vari Caramés, Francisco Leiro, Manolo Paz, Pepe Galán, Fernando Casás, Antón Pulido, Berta Cáccamo, Vicente Prego ou Bosco Caride, por citar algúns-, e tamén as pinturas de clásicos xa falecidos -Urbano Lugrís, Xaime Quessada, Laxeiro, Maruja Mallo ou Germán Taibo entre outros-.

"É a primeira vez que podemos mostrar" -explica Guillermo Brea, xerente de Novacaixagalicia-, "todas estas obras xuntas nun mesmo proxecto, e podemos dicir que é unha visión incomparable, que certifica unha vez máis a inmensa calidade da arte feita en Galicia".

Esta iniciativa recolle a testemuña do Espazo da Colección Novacaixagalicia, "pero o desvía cara unha nova filosofía" -engade Paloma Vela, responsable de Artes Plásticas na Obra Social Novacaixagalicia. "Desaparece o espírito cronolóxico para apostar por unha exposición de corte temático, na que se pon o acento sobre os novos creadores da Galicia do século 21, acompañados nalgúns casos por clásicos modernos". Así, e a través de catro grandes bloques temáticos Coordenadas "traza un estudio do perfil de Galicia seguindo dous eixos: Galicia e O home, cunha visión exterior e unha interior de ambos: O mar, Verde País, Inquedanzas e Escenarios".

No percorrido proposto, os visitantes poderán contemplar, fronte a fronte, fondos dos séculos XX e 21; obras clásicas e, sobre todo, adquisicións moi recientes; artistas consagrados e, máis que nada, novos creadores, todo nunha selección de marcado espírito heteroxéneo e diverso nas técnicas, propostas e linguaxes. Dotada dun marcado espírito didáctico, na montaxe incluíronse textos que nalgúns casos aportan algunha chave sobre a obra ou o autor e, noutros, sobre a visión que destes recolleu algún crítico o ata o propio artista, para reforzar así "a canle de comunicación que se establece entre espectador e obra". Hai, ademais, citas literarias, históricas ou sociais que acompañan e iluminan cada un dos apartados, desde extractos de Lope de Vega ou Manuel Rivas, a reflexións dos voluntarios da Marea Branca xurdida despois da catástrofe do Prestige, entre moitos outros.

Tamén compre salientar que, por vez primeira no marco dunha exposición en Galicia, ponse en marcha un sistema de información polo que o público poderá acceder a contidos a través dos seus teléfonos móbiles, segundo a preferencia e a tecnoloxía da que dispoña o visitante. Ben a través dun enderezo web, no que introducir un código facilitado con cada obra, ben a través dun código QR ou ben a través da tecnoloxía NFC (Near Field Communication). Deste xeito, cada visitante decidirá que tecnoloxía empregar para acceder e ampliar a información das obras, a biografía do artista, ou para ver outras obras do mesmo autor. Ademais, cada ficha de contido estará conectada con Facebook para a súa difusión, de maneira que o visitante poda compartir calquera información cos seus contactos.

Fonte: Obra Social Novacaixagalicia / Novagaliciabanco