Cristian Gradín Carbajal (Soutomaior, 1980) é o autor de Blue Children, un vídeo do 2007 composto por citas cinematográficas, materiais apropiados e seleccionados cunha intencionalidade discursiva centrada tematicamente nun período tan decisivo como a infancia. A peza xurde dunha suma de impresións, de momentos escorregadizos que se contrapoñen a unha visión do infantil como sinónimo de felicidade e diversión.
Máis alá dun interese polo drama dickensiano, o cinema captou a intensidade das primeiras reflexións a través das facianas de pequenos actores, niso que Gilles Deleuze chamou a imaxe-afección. O concepto do teórico francés estructura en gran medida o vídeo, que pasa da introspección das expresións á imaxe-acción, na que os nenos se rebelan actuando de forma violenta, a través da cesura marcada por dúas secuencias alteradas do filme A Noite dos Mortos Vivintes. Os materiais apropiados, regrabados directamente dun monitor analóxico, compoñen un ensaio visual sobre a infancia, os seus tabús e zonas escuras, sempre dende a perspectiva do espectador, patente na trama do monitor de televisión.
Fonte: Centro Torrente Ballester