Atalaia

Darío Basso. La mano di San Francesco, II. 2010. Óleo e acrílico sobre lenzo. 187 x 250 cm.
> Darío Basso. Materialeza. 1999-2011
Datas: 14/02/2012 - 14/03/2012

Artistas

Darío Basso

Descrición

Materialeza. 1999-2011 reúne máis de cincuenta obras de gran formato do artista Darío Basso (1966, Caracas), complementadas con trece cadernos de campo con acuarelas. A exposición -que xa fora exhibida desde setembro de 2011 no Centre del Carme de Valencia-, está organizada en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e resume doce anos de investigación e traballo de Darío Basso sobre a interacción da natureza coa pintura, como tema e materia do proceso de creación no que interveñen dunha forma decisiva os axentes naturais e os factores climáticos.

Esta ampla exposición toma a viaxe como fío condutor das diversas etapas do artista e como principio de cohesión entre as culturas. Dende os seus inicios nos anos oitenta, Darío Basso asumiu a representación visual e plástica como unha ponte entre Oriente e Occidente, labrada mediante as súas longas estanzas en Roma, París, Nova York, India, Nepal, a súa natal Venezuela ou Exipto, lugares nos que a natureza foi o elemento decisivo para a indagación en cada cultura nunha visión ampla da estética que abrangue dende a etnoloxía á ecoloxía. As follas, a terra, os minerais e outros recursos naturais son tomados como materia pictórica e son base para o desenvolvemento dunha abstracción que se combina con outras simboloxías que aluden á cúpula, á serra ou ao círculo.

Darío Basso, nacido en Caracas en 1966, comeza a súa traxectoria profesional a mediados dos oitenta en Madrid. Cunha bolsa concedida pola Deputación de Pontevedra trasládase a París en 1987. Será subvencionado tamén pola Academia Española en Roma, onde residirá durante dous anos. En 1991 instala o seu estudio nunha igrexa abandonada da provincia italiana de Umbría, onde permanecerá durante un ano. A concesión da bolsa Fulbright permítelle trasladarse a Nova York, onde asiste a cursos de doutorado na New School of Visual Arts. Regresa a Madrid en 1995 para realizar ao ano seguinte a súa primeira retrospectiva auspiciada polo Concello de Vigo. En 1998 viaxa a India e Nepal, traballando sobre o concepto Nai Natureza e empezando a utilizar follas, terra e minerais como materia pictórica. O seu interese pola natureza lévao en 1999 a Venezuela, o seu país de nacemento, onde, inspirado polo traballo do botánico Humboldt desenvolve un decálogo de debuxos na selva tropical húmida e crea un banco de imaxes de 2.600 acuarelas, paso previo a un traballo de representación abstracta que chamará Equinocial.

A catástrofe ecolóxica de 2002 en Galicia co afundimento do Prestige irrompe na súa obra afogando as anteriores formas naturais baixo espesas masas de alcatrán, xofre e carbón, serie que levará por nome Leviatán. En 2004, o Ministerio de Asuntos Exteriores encárgalle unha nova retrospectiva que viaxa por Sudamérica e remata en España. Dous anos máis tarde, a Fundación Luis Seoane da Coruña expón por primeira vez a súa instalación Algoritmi dixit, obra que roldaba na cabeza de Basso dende a súa visita ao Cairo con motivo da súa selección para a Bienal da capital de Exipto. En 2010, a sede das Nacións Unidas en Xenebra, nun proxecto conxunto coa Xunta de Galicia, acolle a instalación no seu Hall des Pas Perdus. As súas estanzas en países remotos seguen inspirando series, como Azimut ou Urpflanze, nas que a natureza e as súas formas volven ser protagonistas de cadros cheos de materia e de cor. En 2009 comeza a pintar a serie A nave do argonauta e visita a illa Captiva, en Florida, viaxe a partir da cal xorde a súa, polo de agora, última serie Relevo oceánico.

Toda unha proposta na que, en palabras do artista, "o que intento facer é culturizar a natureza e naturalizar a cultura".

Fonte: Museo de Pontevedra