O método da asociación libre usado polos psicanalistas trataba de liberar da represión os sentimentos humanos máis ocultos. É xustamente esta liberación o eixo central sobre o que se sustentan e xiran todas as obras producidas polo artista andaluz David Costa (Granada, 1980). Tanto as súas series anteriores, Eidetismos e De-lirios, xunto ás Abreacciones que compoñen esta mostra, céntranse neste aspecto para dar renda solta a súa expresión e a súa linguaxe artística. Non obstante, estas últimas son obxecto desta exposición, aínda se asemellan máis a eses monstros ou desvaríos que comparten co real só a esencia, aínda sendo esta moito máis retorcida. As pezas gritan, exclaman, imploran, senten, respiran, camiñan…, exemplificando baixo formas monstruosas e deformes, todas estas cuestións que nos acompañan desde a infancia. Pertencentes a distintas disciplinas, entre pintura, debuxo, escultura e video-performance, Costa presenta producións moi potentes e dolorosas, que se dispersan polo espazo expositivo provocando múltiples sensacións aos espectadores que se enfrontan a elas, conseguindo a difícil resposta de non deixar indiferente ao que mira.
“Esta obra caracterízase pola ruptura co parecido real. Representa unha descarga emocional por medio da cal me libero do efecto ligado ao recordo dun acontecemento traumático, sexa este consciente ou non. Abreacciones contempla todas estas transformacións figuradas onde o realismo é so un xogo relativo, no que a verdade se somete ao sentimento que desexo transmitir”.
Estas son as palabras coas que o artista define a serie de creacións que compoñen esta mostra. “Nela expóñense cada unha das mentiras ocultas provocadas tras a represión. Ao oprimir calquera sentimento, sexa cal sexa a súa natureza, dá como resultado unha deformación, unha neurose ou un trauma. Sen embargo, no propio proceso de liberación sofren unha reconciliación”. Reconciliación en certo sentido amable e agradable formalmente, na que se encerra unha realidade repleta de fantasmas que se desexan mostrar.
O espellismo ilusorio que a nosa mente crea como vía de escape a unha realidade que non nos gusta e na que nos toca vivir, a unha realidade paralela, é a fonte de inspiración da que beben os seus personaxes. Multiformes, creados con pigmentos diluídos e aplicados baixo a forza e a espontaneidade do xesto, brotan da nada, do espazo aterrador en branco, observando directamente ao que mira. Con eles, as tensións afectivas ligadas á represión son liberadas da mente, polo que se podería dicir que a súa obra é un elemento de inflexión que alberga certo fin terapéutico. Fin cara ao que camiñan numerosas obras pertencentes ao mundo da arte desde a antigüidade ata o presente, intentando negar o tráxico dos momentos difíciles que asolan ao home ao longo da súa historia.
Texto: Beatriz Suárez Saá
Fonte: Galería A.dFuga