Baixo o título Cristalino, David Ferrando Giraut (1978, Negreira -A Coruña-), presenta na sede orixinal viguesa da Galería Bacelos unha escolma de pezas producidas ao longo do ano 2012. O conxunto propón unha reflexión sobre os procesos -psíquicos ou tecnolóxicos- de fixación de imaxes, e expresa un anceio por realidades perdidas ou inaccesibles, achegables tan só a través de imaxes, e por aqueles aspectos de realidades vividas que se perderon na súa traslación ao estatus de imaxe.
Despois dun período de investigación sobre o concepto de gravación, as súas cualidades espectrais e o seu paralelismo coa ruina arquitectónica, agora o foco de atención de Ferrando Giraut semella moverse cara a idea máis ampla -e de connotacións máis psíquicas-, de "imaxe", entendida como entidade absoluta, pechada en si mesma, independente, en gran medida, do obxecto que a orixina; os pormenores da relación entre o suxeito, o obxecto e a súa imaxe, entre unha realidade inaccesible e a máscara a través da cal se presenta ante nós.
David Ferrando Giraut vive e traballa en Londres, onde se graduou cun mestrado en belas artes no Goldsmiths College, en 2008. Recentemente formou parte do Associate Artists Programme de LUX, Londres. Entre as súas exposicións e participacións en eventos máis recentes compre salientar: The Fanstasist, MACUF, A Coruña -a partir do premio-bolsa recibido de Gas Natural Fenosa-; Swollen Jungle, Union Gallery, Londres; 41 International Film Festival Rotterdam; Topophobia, Danielle Arnaud Gallery, Londres, The Bluecoat, Liverpool e Spacex, Exeter; Against Gravity, ICA, Londres; Journeys End in Lovers Meetings, Galería Visor, Valencia e 10/12, Bruselas; Everything is Out There, en Inéditos 2010, La Casa Encendida, Madrid; Time Capsules, The Gallery Soho, Londres; Between a Hole and a Home, James Taylor Gallery, Londres; Strange Things Are Hapening, ASPEX, Portsmouth, Situación, CGAC, Santiago de Compostela, ou Método [...]. Montaxe [...] Ecos de Baudelaire Brecht e Benjamin, na Fundación Luis Seoane, A Coruña.
Esta exposición na Galería Bacelos lévase adiante co apoio do MACUF, Gas Natural Fenosa.
Fonte: Galería Bacelos