Atalaia

Ricardo Segura Torrella
> Elas [Fondos do CTB]
Datas: 28/01/2011 - 24/04/2011

Descrición

Nesta exposición, presentada na Sala Máximo Ramos, a figura da muller atravesa diferentes representacións da man de pintores vinculados a Ferrol e Galicia. Dende o retrato costumista de Vicente Díaz e o rexionalismo, e a visión idealizada da muller galega de Sotomayor, ata un erótico nu de Segura Torrella. Os retratos institucionais inclúen o impoñente retrato da ferrolá Concepción Arenal, con quen nace o feminismo en España, ou a figura da raíña María Cristina, todo un mostrario da vestimenta que se impoñía a finais do século XIX, a dunha muller con silueta en forma de S e comprimida polo corsé.

O deseño para un abano, de Máximo Ramos, recorda a importancia deste complemento na indumentaria feminina, usado tradicionalmente coma un medio de comunicación. Un delicioso apunte dunha muller realizando labores, de Bello Piñeiro, e unha serigrafía do último Luis Seoane, na que a muller adquire o simbolismo de representar a todo un país, completan esta selección realizada cos fondos de pintura do Concello.

O obxectivo último da mostra é a creación dun diálogo entre un conxunto de artistas e de obras tan heteroxéneas como complementarias, posto que en todas elas a protagonista é a muller. Unha muller que se reinventa en función das épocas como musa, raíña, heroína ou nai, baixo a atenta mirada dos artistas.

Fonte: Centro Torrente Ballester