Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
A Galería adhoc presenta por vez primeira os traballos recentes de Eme (A Coruña, 1984), unha artista que vive e traballa nunha pequena aldea entre A Coruña e Ferrol, e que estudou Belas Artes na Facultade de Pontevedra, Universidade de Vigo, e en Madrid. Relacionada cos mundos do skate e do surf, cunha clara afección pola música, as súas obras -pinturas, debuxos, esculturas, obxectos, fotografías, instalacións e animacións- comparten un estilo que conecta coa arte urbana postgrafiti. A través do seu traballo artístico, Eme reflexiona sobre a idiosincrasia do ser humano, a relación cos outros e coa natureza, amosando certa esperanza por un mundo mellor.
“A exposición xira ao redor dos modelos de pensamento e comportamento en sociedade do ser humano. Meu traballo trata sempre sobre a comunicación, haxa ou non. A relación entre o mundo interno e o mundo externo. O íntimo e o público. As estratexias de control de masas través dos medios de comunicación. O medo. Por outro lado, o individuo. A permanente capacidade do ser humano de interrogarse, de mirar, de amar, de odiar... A súa relación coa natureza, a súa capacidade de resistencia, de sobrevivir á vida. Fálase de evasión no feito artístico… eu penso que a realidade na que vivimos é a evasión. A arte, a actividade artística é a verdadeira realidade, é a maneira real de afrontala, e afrontarnos a nós mesmos... Mercarnos o novo iphone, non fai que nos coñezamos mellor...” (eme, 2011)
Fonte: Galería adhoc