Atalaia

> En plenas facultades. Artistas docentes da Facultade de BB AA de Pontevedra
Datas: 26/03/2013 - 28/04/2013

Descrición

Nesta exposición ponse de relevo como desde hai máis de dúas décadas algún dos máis destacados artistas españois impartan o seu maxisterio na cidade de Pontevedra, un caso que non sempre se soubo valorar na súa xusta medida, tal vez porque a carreira artística de moitos deles se realizou fundamentalmente fóra da nosa comunidade ou porque se prestou maior atención ás producións e ó despegue profesional dos seus propios alumnos.

A tarefa docente da Facultade de Belas Artes de Pontevedra representou un rotundo punto de inflexión na normalización do sistema artístico da nosa comunidade; todos os estudos históricos que desde entón se realizaron sinalan a data da súa posta en marcha como un verdadeiro momento de non retorno. Aquel xa afastado día de outubro de 1990 arrancou o acontecemento que ía marcar un antes e un despois. Parece evidente que esta realidade incuestionable non pode desvincularse da forza e a consistencia do propio traballo artístico dos profesores. 

Desde a distancia do tempo transcorrido, a tarefa dos seus docentes no despuntar e o asentarse, entre as consecutivas promocións de artistas, das novas linguaxes artísticas —aspecto este no que a Facultade de BB AA desempeñou un pioneiro e frutífero labor desde o primeiro día—; e así asistimos nestes últimos anos a unha serie de movementos dignos de consideración: o definitivo establecemento dos medios videográficos e fotográficos, a triunfante entrada das tecnoloxías dixitais nas aulas, os museos e as salas de exposicións; e —sobre todo— unha imparable hibridación de procedementos e linguaxes que pon en dúbida calquera idea preconcibida acerca das prácticas artísticas e as súas condicións de exhibición ou posta en discurso. 

En plenas facultades aborda a posta en valor dun legado importantísimo do noso patrimonio cultural: o feito relevante de que desde hai máis de 20 anos algúns dos máis destacados artistas españois impartan o seu na nosa cidade. A exposición proponse propiciar o diálogo cunha excelente colección de obras de arte pensadas, ideadas, creadas e producidas nos talleres da nosa propia cidade; obras que en moitas ocasións pasaron directamente a engrosar os fondos de museos e centros de arte contemporánea ou as coleccións privadas máis importantes do panorama nacional e internacional, sen chegar a reverter sobre o seu contorno máis próximo os beneficios que toda obra de arte lle outorga ó grupo social que lle dá vida: a súa capacidade para xerar tecido comunitario ó redor da produción simbólica, pois é aí onde todos habemos de atopar o noso chan común e tamén os nutrientes para incontables proxectos de futuro.

Texto: Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre

Fonte: Museo de Pontevedra