Artistas participantes: María Arias - Nelson Manuel Bardón - Olalla Barroso - Ángel Calvo Ulloa - Antía Cea - Lois Costas - María Fernández - Begoña García-Alén - Natalia Desirée García - Sara Goberna - Fernando Lafuente - Andrés Magán - José Navas - Teresa Pece - Rocío Piñeiro - Bibiana Piñeiro - M. Martín Rivas - Cillas Rodríguez - Arkaitz Rodríguez - Alejandra Sampedro.
Enriquecerse doutras disciplinas. Esta é a fórmula que puxo en marcha, no curso 2011-2012, o Máster en Arte Contemporánea, Creación e Investigación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo, co obxectivo de adaptar a súa metodoloxía ás esixencias do EEES e que culmina con esta exposición Eso sigue su curso, na que se presentan os proxectos finais dos estudantes que durante este ano cursaron esta formación. Desplegada polas salas do chamado Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, esta mostra de corte académico é o resultado "dunha transversalidade da arte que responde a unha realidade cada vez máis complexa", explicou Juan Carlos Mena, decano da Facultade de Belas Artes.
Como explicou o propio Meana, esta segunda edición do mestrado responde "ao que son os novos estudos na realidade social", polo que engadiu que as facultades non se deben nutrir soamente do alumnado do seu propio ámbito de coñecemento. "Nós demos cabida a estudantes con formación en Historia da Arte, en Arquitectura ou en Comunicación", apuntou; unha multiculturalidade na que os alumnos e alumnas senten a necesidade de seguir ampliando o seu saber, "experimentando unha nova realidade que abra un novo abano de posibilidades con resposta ás novas complexidades". Meana tamén lembrou a necesidade de que a facultade "abra as súas portas" para intercambiar experiencias e coñecementos co contexto cultural da cidade "e para dar resposta ás necesidades simbólicas que demanda a sociedade, a gran pregunta que está sempre nas nosas cabezas".
O resultado dun ano de traballo. A exposición, comisariada polos profesores e artistas Almudena Fernández Fariña, Silvia García, Ignacio Barcia e o propio decano, Juan Carlos Meana, inclúe unha selección de obras resultado dun ano de traballo dun total de 20 alumnos, 20 estilos con intereses e sensibilidades diversas. Así a mostra inclúe unha gran variedade de obras, que van dende o debuxo ata a pintura, pasando pola fotografía, escultura, estruturas creadas con diferentes materiais e outras apostas artísticas, como o bordado, o cómic ou o uso do lapis sobre a propia parede do espazo expositivo. Chamaron especialmente a atención do público a obra de Rocío Piñeiro -caixas de madeira "con vida dentro"-, a do arquitecto Fernando Lafuente -unha montaxe en contrachapado chea de colorido-, ou a de Arkaitz Rodríguez -que pintou a man centos de retratos diferentes en post-its-.
Fonte: Bea Feijóo / DUVI Diario da Universidade de Vigo