"Hai uns anos pareciamos combatintes dunha guerra rematada. A xente dicíache: ¿pero ti fas performance? !!!Miña nai, que obsoleta!!!.
Durante moito tempo tiven que facer outros traballos para subsistir. Por un lado isto era malo, xa que me roubaba tempo para a miña actividade artística, pero por outra parte tamén era bo porque tiña independencia. Non dependín de nada, nin de institucións, nin de subvencións… e así puiden facer sempre o que quixen. Aínda así, é certo que cando procuras un espazo de liberdade para crear, sen que che importe o qué dirán, a arte que resulta é, inevitablemente, política.
Acostumo a dicir que o meu traballo é un minimalismo baseado no rigor do absurdo. Gústame moito traballar o absurdo, facer as cousas moi simples. Cando me poño a pensar unha performance, pásome o día quitando. Non digo que sexa unha depuración, pero si consiste en extraer todo o superfluo, o adorno. Non pretendo gratificar ao espectador. Meu traballo é, moitas veces, moi seco, máis que sobrio. E gústame moito o rococó e o barroco, pero para que o fagan os outros. Quero que no meu todo saia dun xeito natural, case só. Como os números, 1, 2, 3… son marabillosos. Non hai ningún drama. O drama, se quere, xa llo engade aquel que o mira.
A performance é como os vagabundos sen enderezo fixo. Gústame esa idea e en moitas ocasións teño realizado accións en calquera sitio da cidade. O que non quero é limitalas a un lugar, como ás galerías ou aos museos. É unha arte nómada. Unha das cousas que me importan nas miñas performances é a lixeireza. Isto de que o fas, desapareces e non queda nada. Queda na memoria dos que teñan asistido, dos que a teñan visto, se é que queda.
Non creo que a arte poda cambiar o mundo. Se pensara o contrario, daquela debería recoñecer que os artistas o fixemos francamente mal desde os tempos de Lascaux e Altamira, xa que o mundo vai como vai. Penso que a arte pode proporcionar moito gozo, que pode provocar reflexión, que estimula o pensamento, que axuda a vivir (como tantas outras cosas), que te introduce noutros mundos que están neste (como dicía Aldous Huxley), e creo que, mentras a humanidade exista, existirá a arte.”
Fragmentos extraídos da entrevista Riguroso absurdo, realizada por Fietta Jarque a Esther Ferrer, e publicada en El País o 7 de febreiro de 2009.
Fonte: Galería Trinta