Atalaia

EVRU. Debuxo co mapa de Evrugo Mental State
> EVRU. ArtCieMist
Datas: 12/05/2011 - 20/06/2011

Artistas

Evru

Descrición

"Todo o mundo é artista, científico e místico. De feito, os nenos son seres creativos que pintan, cantan, bailan, contan historias, fan experimentos… e preguntanse, de onde veño e cara onde irei cando abandone este mundo. A harmonía dos tres supostos xera a obra de arte completa.

Os tolos, como os nenos antes da submisión, teñen un idioma propio: retornan a un estado orixinal e crean as súas propias linguaxes. Xa en Ibiza, onde vivín moito tempo, comezo a desenvolver o meu propio alfabeto e o meu propio Estado. Onde vou, vou co meu Estado que soño nos meus libros e nas miñas cousas. Os animais tamén precisan crear o seu propio territorio. E o meu é un Estado flexible. Defendo mentalmente a miña bandeira. Se alguén quere invadir o meu territorio, mátoo de gusto con gases de nirvana. Por que os gobernos dos Estados tópicos non inventan formas felices de matar á xente?

Hieronymus Bosch é o meu artista favorito; tamén me interesan Paul Klee, Henri Michaux e Vassily Kandinsky. Seméllame irrelevante falar da fin da pintura: xa existen As Tres Gracias, mais cada xeito de mirar un bodegón, unha paisaxe, de abordar un retrato, é única aínda que o tema sexa o mesmo. Hai milleiros de cancións de amor…

A arte é como mirarte ao espello. Gustariame que nas exposicións as pezas non estivesen á carón dos nomes dos creadores para que os espectadores non empregasen a comparación, e o artista non estivese baixo nengún tipo de presión. Para que a inxenuidade prevalecese sobre os prexuízos. Só así podes sorprenderte coa arte, desde unha visión pura.

Gustanme as relacións humanas, pinto para comunicarme. Interesame a esquizofrenia, entre outros motivos, polo compoñente de discriminación que conleva na nosa cultura: os doentes non teñen nengún tipo de dereito. Noutras etnias, en cambio, son os chamáns da tribo, os que sempre din a verdade. A miña participación en Les Magiciens de la Terre -Centro Georges Pompidou, París, 1989- confirmoume cousas que xa pensaba de forma intuitiva: de que maneira podíase contar o mundo desde o particular ao universal; como o primitivo era tan potente como o tecnolóxico. Ata esa exposición a arte do “Terceiro Mundo” considerabase artesanía…

Evrugo Mental State é unha autocracia; a súa filosofía é que todos temos un estado no que todo é posible, un lugar universal: Nel vívese a crise igual que no resto do mundo. Aínda que non temos economistas…"

Fonte: Galería Trinta. Extractos dunha conversa entre Evru e Asunta Rodríguez. Barcelona, abril 2011.