Atalaia

> [Ex]posicións críticas. Discursos críticos na arte española, 1975-1995
Datas: 17/02/2017 - 28/05/2018

Descrición

O proxecto [Ex]posicións críticas. Discursos críticos na arte española, 1975-1995, dirixido por Santiago Olmo e comisariado por Armando Montesinos e Mariano Navarro, pretende facer visible a existencia de criterios e interpretacións críticas que conformaron discursos e liñas teóricas diferentes, en ocasións con elementos compartidos e noutras claramente enfrontados, o que desmente así o lugar común de que no mundo da arte española non houbo un pensamento crítico.

O proxecto cobre un período histórico de profundas transformacións sociais, culturais e xeracionais. O final da ditadura e a consolidación da democracia traerán consigo o desenvolvemento tanto material —creación de museos e centros de arte contemporáneos, multiplicación dos medios de difusión etc.— como intelectual —carácter universitario dos estudos de Belas Artes, desenvolvemento da crítica etc.— do sistema da arte. As problemáticas do mercado, a plena incorporación das mulleres ás prácticas artísticas, ou a nova figura do comisario de exposicións, son algúns exemplos dos cambios producidos nesas dúas décadas.

 Este proxecto expositivo configúrase en tres exposicións simultáneas e complementarias, que cartografan as que foron as liñas emerxentes máis significativas da crítica de arte mediante a revisión e relectura dunhaserie de exposicións producidas neses anos, mostrando obras dos artistas españois presentes nelas, así como  material documental para contextualizar os diferentes e sucesivos episodios. As obras e documentos proceden de diversas coleccións públicas e privadas, e de fundacións e arquivos en territorio nacional.

Fonte: CGAC

Presentación de [Ex]posicións críticas. Discursos críticos na arte española, 1975-1995. Santiago Olmo, Armando Montesinos e Mariano Navarro

Folleto da exposición