Artistas: Rosalía Banet / Sergei Bratkov / Manuel Eligio Buch Sáez / Jenaro Carrero / Xesús Corredoyra / Dionisio Fierros / Cristian Gradín Carbajal / Rita Lin / Teresa Hubbard & Alexander Birchler / Enrique Marty / Rebeca Menéndez / Román Navarro / Pablo Otero Huertas / Ramón Parada Justel / Laura Pernás / Ignacio Pinazo / Nicanor Piñole / María Roesset / Matías Sánchez.
Falsas Aparencias repite, en certa medida, o esquema doutras exposicións celebradas no CTB, como A Rebelión dos Xéneros (2009), na que partiamos dunha imaxe clásica que se complementaba e dialogaba con pezas de artistas contemporáneos. A presente mostra está distribuida nos Espazos Antigo e Novo do Centro Torrente Ballester.
En grande parte das representacións clásicas, sobre todo no século XIX, mostrábase unha imaxe amable da infancia, sempre en relación co ámbito familiar, como é o caso dos retratos dos fillos de pintores e burgueses. Esta representación amable contrasta cos graves conflitos sociais que provocaban que a maior parte dos nenos vivisen nunhas condicións dramáticas que case nunca aparecen reflectidas nas pinturas.
A elección da infancia como fío condutor garda relación coa intención de comunicar ideas sobre a nosa cultura, tradicións e mesmo sobre aqueles tabús que aínda hoxe planean sobre o mundo dos nenos. A mirada que nos interesa subliñar afástase das canles tradicionais que mostran á infancia como un estado idílico e desinhibido, construído polo imaxinario adulto. De aí que na selección que propoñemos xogue un importantísimo papel a contraposición de épocas e de miradas, da arte considerada clásica coas súas imaxes amables e preciosistas, e a contemporánea, máis próxima a nós e sabedora que a infancia é o xeito máis eficaz de manter viva a nosa memoria.
Mención á parte merece a sección dedicada á fotografía post-mortem, espello da sociedade de finais do século XIX e primeira metade do século XX. Unha tradición pouco coñecida e enmarcada nun contexto histórico e socio-económico de penuria e necesidade. Imaxes que revelan unha realidade oculta hoxe en día, pero que no seu momento foi unha necesidade vital para os familiares do pequeno anxeliño...
Fonte: Centro Torrente Ballester