Por segunda vez expón Fernando José Pereira (1961, Oporto) na Galería adhoc, e faino para mostrar o seu traballo máis recente, realizado durante a súa última residencia no Centro de Artes Visuais Skaftfell, en Islandia, que comprende, entre outras obras, unha serie de debuxos en grafito e o vídeo The man who wanted to collect Time.
Os debuxos son concibidos polo artista como unha continuación lóxica das series dos últimos anos, pero nunha escala máis intimista. Os grandes formatos e o carácter fragmentario de anteriores traballos os convertían en elementos de ficcións, considerados como fotogramas dun vídeo imaxinario. Na nova serie mantense certa conexión con estas cuestións (por exemplo no troquelado lateral do papel, como metáfora das perforacións laterais do celuloide das películas), pero teñen a posibilidade de vivir sós, sen necesitar da idea de grupo para que funcionen.
Hai tamén outras cuestións que confiren a estes debuxos un carácter máis intimo, por exemplo o recurso técnico do cruce obsesivo de liñas trazadas con grafito que forman unha sorte de textura luminosa, sempre acompañada de frases moi enigmáticas pero non herméticas ou filosóficas. As frases son apropiacións de diálogos descontextualizados de artistas, que introducen nos traballos elementos de significación e que así se sitúan alén do efecto formal. Nalgúns destes debuxos, a incorporación de elementos dos media, a xeito de colaxe, xera un achegamento ao real e os afasta do hermetismo.
O video de Fernando José Pereira, titulado O home que quería coleccionar tempo, tenta reflectir a peculiar sensación de lentitude do tempo que se experimenta nalgúns lugares. A noción de lugar é unha idea que conduce á de identidade e, polo tanto, á de memoria. O lugar onde está filmado o vídeo é un lugar de memorias intensas. Lugar alegórico, no que se encontran as ruínas dunha fábrica, destruída por unha avalancha de neve en 1995. Estas ruínas están localizadas nun pobo aillado no norte de Islandia e son propiedade de dous irmáns que teñen unha forte paixón pola idea de ruína. Mercaron a fábrica despois da avalancha e a manteñen alí como unha ruína visible do acontecemento, outorgándolle un tempo propio para desaparecer: o seu tempo de conexión co tempo histórico.
Daquela, The man who wanted to collect Time é unha especie de viaxe polas ruínas levado a cabo por un personaxe que tenta determinar esa idea abstracta de coleccionar o tempo en situación adversa, é dicir nunha situación na que todos os días, todas as horas, todos os minutos, todos os segundos, somos advertidos da expansión imparable do espazo cara a conquista global e a aniquilación do tempo xa en compresión acelerada.
Nota: A realidade, ás veces, impónse. As ruínas da fábrica, producidas despois da avalancha de neve, tiñan permanecido in situ durante os últimos 16 anos, pero durante o período de filmación do vídeo foron practicamente arrasadas por unha forte borrasca, e por iso as imaxes finais do vídeo mostran outra ruína máis arruinada aínda.
Fonte: Galería adhoc