Atalaia

Charles Sandison. Living Rooms [Salas de estar]. 2001. Videoproxección en 6 canles.
> Formas Breves. Outras. 25'.
Datas: 01/06/2012 - 14/10/2012

Descrición

Artistas participantes: Anna Barham - Nina Beier & Marie Lund - Alejandro Cesarco - Amélie Dubois - Dora García - Fabio Kacero - David Lamelas - Helen Mirra - Claire Morel - Tania Mouraud - Ewa Partum - Charles Sandison.

Formas Breves, Outras, 25', un proxecto da nova comisaria Anja Isabel Schneider, é unha coprodución do MARCO de Vigo e o FRAC Lorraine de Metz, Francia. A través das obras de 14 artistas, esta mostra explora a noción de lectura nas súas múltiples modalidades de experimentación, experiencia e estrutura. A proposta, que inclúe pezas da colección do FRAC, foi concibida como un todo e á vez con características especiais para cada sede. Así, do conxunto de obras que conforman a exposición, o palimpsesto sonoro El balcón, de Amélie Dubois, é unha produción específica para o MARCO, e dúas das obras de Alejandro Cesarco -Footnote #5, e o vídeo The Two Stories- inclúense só na mostra de Vigo.

Formas Breves, Outras, 25', é o proxecto gañador da edición de 2011 do Premio para novos comisarios, convocado conxuntamente polo MARCO de Vigo e o FRAC Lorraine de Metz, Francia, e que ten como obxecto a realización dun proxecto expositivo para ambas as dúas sedes. Non é a primeira vez que o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e os FRAC (Fonds Régional d’Art Contemporain), se unen nun proxecto de coprodución e promoción da arte contemporánea alén das súas fronteiras territoriais. Nesta ocasión, o interese común por apoiar a novas xeracións de profesionais ten inspirado a cuarta edición do Premio para novos comisarios. O proxecto gañador é unha proposta de Anja Isabel Schneider (Reutlingen, Alemaña, 1976), crítica de arte e comisaria independente residente en Londres. Unha vez exhibida en Metz -do 27 de xaneiro ao 8 de abril de 2012-, a exposición inaugúrase agora no MARCO de Vigo, adaptada aos espazos expositivos do primeiro andar, onde permanecerá ata o 14 de outubro.

"Por outra banda, pedireiche que interrompas a lectura deste libro o maior número posible de veces: tal vez, case seguro, o que ti penses neses intervalos, sexa o mellor deste libro." [Felisberto Hernández, Filosofía de gángster, Obras completas, vol. 1, México, Siglo XXI Editores, p. 98].

Libro dixital, libro electrónico ou e-book, son termos que serven para designar as novas formas que adquire o libro en papel, o libro de peto, o material impreso ou o manuscrito. A creación e distribución de novas ferramentas de lectura está subvertindo os modelos tradicionais de escritura e lectura, que hoxe en día afrontan un gran desafío.

Con esta exposición, Anja Isabel Schneider invítanos a entrar nun libro tridimensional. Formas Breves, Outras, 25' está concibida como unha lectura en si mesma, suxeita a puntos suspensivos e interrupcións causadas pola propia arquitectura do espazo expositivo. As obras seleccionadas analizan as relacións e interaccións entre texto e lector, a condición, o acto, e o proceso de lectura, creador do significado.

Das formes brèves no espazo de Ján Mančuška aos poemas conceptuais de Ewa Partum, dos palimpsestos sonoros de Amélie Dubois á taxonomía das palabras inventadas por Fabio Kacero, dos xogos de palabras de Anna Barham ao baile de palabras de Charles Sandison, da performance oral de Nina Beier & Marie Lund ás relecturas de Alejandro Cesarco, do índice poético de Helen Mirra ás constelacións de Claire Morel, do proxecto participativo de Dora García á película de David Lamelas... as obras reunidas nesta mostra parecen vaticinar os cambios nos comportamentos do lector na era dixital.

Formas Breves, Outras, 25' explora a noción de lectura nas súas múltiples modalidades de experimentación, experiencia e estrutura.. En particular, esta mostra analiza a lectura ‘fragmentaria’ ou evasiva, aquela que resiste e inquieta ao lector. Así, outórgaselle a cada lector/espectador un papel crucial: o de lector activo. Como forma literaria secular, a forma breve salienta certos xéneros artísticos: a dedicatoria, o poema de circunstancias, o fragmento, o índice, o xogo de palabras, a ocurrencia, o haiku, a máxima, etc. Demanda a imaxinación do lector, que deixa de ser público pasivo para se converter en produtor.

Esta exposición ten o seu pre-texto no escritor e pianista uruguaio Felisberto Hernández (1902-1964). Lido en forma de liña tomada dun índice (imaxinario), o título formas breves, outras, 25 fai referencia aos escritos deste autor, verdadeiro punto de partida da mostra.

Así, entre os textos e os seus lectores, os espazos xerados por formas breves -espazos latentes, ou en branco- transfórmanse en pausa, en momento de reflexión. Producida especificamente para as salas do FRAC Lorraine e do MARCO, esta exposición invita o espectador a discernir, descifrar, construír, e imaxinar.

Fonte: MARCO