Atalaia

Fuco Reyes. Sen título, da serie 'Ex machina', 2012.
> Fuco Reyes. Ex-Machina
Datas: 22/11/2012 - 13/01/2013

Artistas

Fuco Reyes

Descrición

Non a poesía dun poeta sobre as cousas, senón a poesía das cousas en por si. (George Santayana).

"Que xorde dunha máquina? Pode a súa imaxe mostrar algo máis alá da estética e a súa función? É posible dotala de vida nunha imaxe? Onde está a beleza dunha ferramenta industrial? E a súa poesía?

As fotografías que compoñen este proxecto realizáronse coa idea de formular estas preguntas e coa esperanza de producir algunhas respostas. As preguntas seguen xurdindo, as respostas vanse modificando na miña cabeza mentres salto dunha imaxe a outra e me decato de que as máquinas deixaron de selo para converterse noutra cousa. Aínda non teño moi claro en que se transformaron, pero en algo diferente... sen dúbida.

Este proxecto xurdiu dun traballo de fotografía industrial que realicei para a empresa Espina y Delfin S.L. A encarga consistía en captar imaxes das instalacións da compañía, entre as cales estaba o taller. Alí, mentres estaba a realizar tomas xerais, reparei en que algo xurdía daquelas máquinas, daquelas ferramentas e instalacións; algo que transcendía a súa función e o seu obxecto. Deime conta de que tiña que escarvar detrás do aparente e mirar doutro xeito. Durante meses volvín varias veces ao taller aproveitando a pausa diaria que realizan os traballadores e, nesa soidade e silencio tan pouco habituais, foron xurdindo aos poucos as fotografías que se mostran aquí. Espina y Delfin interesouse desde o principio por este proxecto e patrocinou a produción das obras que se mostran nesta exposición."

Texto: Fuco Reyes

Fonte: CGAC