Voyeurismo emocional. Intimidades asaltadas. Diarios íntimos. Fragmentos dun ámbito privado, escrutados tras unha ventá indiscreta. Un hálito de vergoña, que se inmisce no acto de construírse ante o outro.
Gema López perverte nas súas escenas as marxes do espazo privado. Este, dilátase, violéntase; cobra sentido en relación co público. Carece de límites claramente definidos: transgride as súas fronteiras unha e outra vez, en función do suxeito e da actividade do momento.
A artista enfróntase ás retratadas desvelando as súas identidades en toda a súa vulnerabilidade. A intimidade xa non é algo que se preserva, que se mantén nos círculos máis internos, se non que se proxecta nun movemento excéntrico en todas direccións. Unha sorte de éxodo. Unha existencia dentro do ámbito máis íntimo do eu, dun "corpo estraño": aquilo que é externo ao individuo e co que se identifica.
O individuo é asaltado no seu habitáculo persoal, nese espazo onde os segredos se desvelan nun xogo de seducións e impulsivas dialécticas entre pintor e modelo, entre modelo e espectador. Este último maquinalmente asume o seu papel a representar; enmascárase baixo a conduta do voyeur, encontrándose entre vertentes de complicidade e turbación.
A asunción da debilidade, a fraxilidade, a transitoriedade, vólvese notoria nunha relación directa, sen intermediación. A mirada do outro ensancha a súa magnitude. Acentúa o seu alcance ante un suxeito que dúbida, teme; sométese a unha proxección que considera apropiada, que admira.
Aposta. Fantasía. Fragua unha serie de contradicións, a xeito de interface, que interpón entre ambos os dous.
Como nas fotografías da holandesa Rineke Dijkstra, Gema López aproxímase á adolescencia, destapando unha complexidade e inseguridade que se presente na pose, na actitude cohibida, apocándose ante o ollo analítico do outro. Case a xeito de xardín privado impresionista, internámonos nun espazo intermedio. Un entre, no que os personaxes se pensan, calibrando o seu proceder en territorio público.
Nas obras de Gema López intúese esa fricción entre o real e o ficticio, así como o concepto de identidade, pedra angular da súa obra.
A representación non é o límite, senón o punto de partida. O suxeito vaise forxando nesas miradas cruzadas. Aspira a certezas, aínda que se esvaece entre as múltiples incertezas do reflexo.
É borrador. É tentativa.
Texto: Paula Cabaleiro
Fonte: Galería A.dfuga