Nova exposición, a primeira na Galería adhoc.
Podería ser unha boa oportunidade para dar un impulso definitivo a miña carreira aínda que supoño que conseguilo é algo que, á marxe do que eu faga, vai depender do que se espera que faga e do choque máis ou menos afortunado entre estas expectativas e as cousas que remate presentando... pero:
Cales son as expectativas que teño que cumprir?
Axústome ao que podan esperar de min os responsabeis da galería? (invitáronme a participar nesta exposición porque coñecen o tipo de traballo que fago e interésalles).
Penso no público ou, tratándose dunha exposición comercial, naquela parte do público que poda estar interesada en mercar algunha das miñas pezas?
Traballo para o sector crítico ou especializado, que non vai mercarme nada pero que, co tempo, pódeme dar unha maior lexitimidade?
De tódolos xeitos, son estas expectativas propias de cada un dos suxeitos implicados ou veñen determinadas polo seu rol profesional e o contexto no que se desenvolve?
Podería optar pola postura de non ter en conta o que se poda esperar de min e centrarme no traballo mesmo, pero esta omisión dos condicionantes externos suporía que os asumo de xeito acrítico (e que, por tanto, actúo dun xeito irresponsable).
Supoñamos entón que decido traballar de forma reflexiva, que intento ser consciente do contexto no que me vou mover: unha exposición comercial nunha galería de arte contemporánea, na Comunidade Autónoma Galega. Supoñamos que intento analizar de forma crítica a situación e obrar en consecuencia. O problema deste intento é que, máis que obter algunha resposta ou principio de actuación, sigo acumulando preguntas:
Cal é (de feito) o papel do artista plástico no contexto sociocultural galego?
Pode definirse a figura dun artista plástico profesional neste contexto? (Non sería dende logo o meu caso, non me gaño a vida con isto).
Que vías de formación e lexitimación social existen neste contexto que conduzan ao desenvolvemento profesional dunha carreira artística?
Que outros campos profesionais están cubrindo esas mesmas vías de formación e lexitimación?
Dado o espectro profesional ao que apuntan estas vías de formación e lexitimación, deberían introducirse trocos nas mesmas?
...
Esta serie de cuestións, aínda que pertinentes, poden resultar demasiado xerais así que intentarei pechar este texto cunha pregunta máis coloquial pero que pode resumi-lo meollo das motivacións de fondo que tiven no meu traballo para esta exposición:
Que se supón que teño que respostar cando me pregunten a que me dedico?
Texto: Enrique Lista
Fonte: Galería adhoc