"Eu era un apaixoado de Pessoa, da súa poesía e dos seus textos. Desde 1968 convivín con iso e, aínda que me expresaba a través da fotografía, non deixei de interesarme polas outras artes, sobre todo pola pintura e polo cine. En fotografía recoñezo que teño unha grande influencia dos retratos de August Sander.
(...) Unha vez pasoume algo na Galería Forvm, de Tarragona. Era unha exposición de retratos e entrou unha señora maior cun carriño da compra e púxose a mirar todas as fotos detidamente, dando a volta a toda a exposición; de súpeto, miróu cara nós e preguntóunos: Quen é o que fotografou a todos estes tolos? Seguro que é máis tolo ca eles. A mín parecéume fantástico. Cando un non se sinte na obriga de facer cousas, forzosamente acábase mostrando.
(...) Cando lles explico aos estudantes a forma de realizar un retrato, coméntolles que entre o retratado e o fotógrafo hai unha guerra. E isa guerra, para que a foto sexa boa, ten que gañala o fotógrafo e non o retratado, porque é evidente que o retratado asume un rol, unha pose de cómo lle gustaría aparecer. Dalgunha maneira, auto-represéntase, pónse gracioso, sorrí… pero iso non ten nada que ver coa súa persoalidade interior, que é o que buscamos nós cando facemos un retrato.
(...) Se te miro a ti, agora vexo a unha persoa que coñezo, cun xeito de ser concreto e disposto a facerse unha foto, pero cun lixeiro sorriso que non me interesa fotografar. Daquela, pídoche que peches os ollos. Cos ollos pechados ningúen finxe. Entón, nun momento dado, pídoche que mires á cámara -non que abras os ollos, senón que mires á cámara-, e gracias á actitude do suxeito, a fotografía non terá nada que ver co que era antes.
(...) Nunca me deixei atrapar por mín mesmo. Ise é o meu traballo, non teño dúbida ningunha, un traballo fondamente sentido. Isas fotos non as podería ter feito de ningunha outra maneira.”
Textos extraídos de diferentes entrevistas realizadas a Humberto Rivas (1937-2009), pouco antes do seu pasamento.
Fonte: Galería Trinta