Atalaia

Ian Waelder. Cover
> Ian Waelder. Cover
Datas: 13/09/2013 - 01/11/2013

Artistas

Ian Waelder

Descrición

A exposición de Ian Waelder está comisariada polo equipo curatorial Os Tres (Jorge Varela, Miguel Calvo e Ángel Calvo Ulloa). Cover, forma parte da programación do Outono Fotográfico 2013. Na mostra colabora a galería Louis21 (Palma de Maiorca) onde tivo a súa primeira exposición individual. Esta mostra coincide coa súa participación no III Encontro de Artistas Novos celebrada na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

O traballo de Ian Waelder (Madrid, 1993) bebe da fotografía como necesidade. Sen o lastre dunha intención plástica que a priori condicione o seu xeito de disparar, tira das instantáneas que marcaron e rexistraron épocas que asociamos inevitablemente cos seus captadores, coa ollada das figuras que as inmortalizaron. Tira do subcultural como campo no que se desenvolve como individuo.

Obsesivo coas súas ferramentas de traballo, semella que no analóxico é no campo no que Waelder atopa a razón para captar o instante. Estas convértense, máis que no medio, na razón. O risco do revelado, a posibilidade de que a imaxe non corresponda co pretendido e toda unha serie de probables incidentes que o dixital fixo esquecer é a fina liña pola que este artista transita. 

O traballo comeza a dar uns interesantes resultados. Con imaxes producidas de maneira industrial, as súas fotografías perden en ocasións o papel principal e dispóñense fracturadas, pregadas ou mesmo ocultas entre armazóns de madeira que pretenden esa tridimensionalidade que a fotografía loita dende as orixes por acadar. 

Sobres pechados que por medio do correo ordinario chegan ao espazo expositivo e que agochan no seu interior a imaxe dobrada en tantas partes como sexa preciso. Tralo despregue, disposta sobre a parede, comeza a viaxe de desgaste que a vai levar aos diferentes espazos polos que transite, acumulando sobres dentro de sobres que relatan a memoria feble da súa peregrinación. 

Abrir, pechar, pregar ou despregar son as accións que caracterizan esta viaxe. A intención é ben simple, contar algo dun xeito desenfadado e coa vitalidade dun rapaz de vinte anos que sae ás rúas -ben sobre un skate ou tralo visor dunha cámara fotográfica- para rexistrar o que a súa xeración aínda non foi quen de analizar. Tampouco hai moito máis que teorizar, non é o obxectivo noso fixar as pautas dun traballo que está arrancando. Que non fixo máis que comezar.

Fonte: Espazo miramemira