Dentro dun proxecto de colaboración entre a Universidad Politécnica de Valencia e a Universidade de Vigo, a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra acolle a mostra IN OUT HOUSE. Circuitos de xénero e violencia na era tecnolóxica. Exposta por primeira vez en Valencia, en novembro de 2012, co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, agora é mostrada na Sala X de Pontevedra, en torno ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Esta exposición itinerante é unha selección da realizada anteriormente na Universidad Politécnica de Valencia.
A mostra, comisariada pola doutora en Belas Artes, artista e profesora da UPV, Mau Monleón, ten por obxectivo a confrontación directa frente ao grave problema a través da arte feminista e activista contemporánea de España e América Latina, que utiliza fundamentalmente as novas tecnoloxías como soporte. Así, un total de 44 artistas e colectivos, incluíndo personalidades teóricas e prácticas do prestigxo da estadounidense Suzanne Lacy (obra invitada especial dada a consideración da autora norteamericana como pioneira na loita contra a violencia cara ás mulleres), a guatemalteca Regina José Galindo ou a mexicana Lorena Wolffer, presentan a súa obra en web, vídeo e/ou fotografía a miúdo en relación coa performance.
A exposición, patrocinada polo Ministerio de Economía y Competitividad e a UPV, coordinada polo Laboratorio de Creaciones Intermedia e coa colaboración do grupo de investigación arxentino Continente, é acompañada dunha publicación elaborada con textos teóricos escritos ex profeso pola comisaria e os e as colaboradores: Rocío de la Villa, Juan Vicente Aliaga, Emilia Quiñones, Irene Ballester, Ana Navarrete e Carmen Navarrete.
Fonte: Sala X